O Grupo Popular salienta o incremento dun 41 por cento dos viaxeiros rexistrado desde a inauguración da nova estación intermodal de Vigo
17 de marzo de 2023. O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro salientou hoxe no Parlamento galego “o considerable incremento do número de viaxeiros rexistrados na nova estación intermodal de Vigo desde a súa apertura no mes de decembro”. En concreto, dixo que no mes de febreiro contabilizáronse 12.972 viaxeiros, o que supón un 41 por cento máis que no mesmo mes de 2022.
“Non cabe dúbida que o incremento no uso do transporte público da Xunta está en boa medida motivado pola implantación da bonificación do 50 por cento ao pagar coa tarxeta Transporte Metropolitano de Galicia”, manifestou o deputado popular, quen salientou que “este incremento é especialmente notorio na comarca do Morrazo, na que durante 2022 o 84 por cento das viaxes se abonaron facendo uso das tarxetas TMG e Xente Nova, por riba da media de Galicia, que se situou no 78 por cento”.
Ferro explicou que a oferta de servizos de autobuses interurbanos dependentes da Xunta que conectan os concellos da comarca do Morrazo coa cidade Vigo é moi ampla: actualmente operan oito liñas, que ofrecen 54 servizos diarios, de luns a venres, desde as cinco da mañá ata as dez da noite, o que supón aproximadamente 14.000 circulacións anuais.
13 CONEXIÓNS DIARIAS COS HOSPITAIS
Así mesmo, no que respecta aos servizos que conectan a comarca do Morrazo cos hospitais do Meixoeiro e o Álvaro Cunqueiro practicamente non variaron coa implantación da nova estación intermodal: son seis as liñas que conectan a comarca do Morrazo cos hospitais, con 13 servizos diarios, de luns a venres e con frecuencias desde primeira hora da mañá á última da tarde.
“Os horarios e a duración das viaxes seguen a ser os mesmos en todas as conexións que había con anterioridade á posta en marcha da estación intermodal”, manifestou o deputado popular, quen apuntou con respecto ás paradas que respectouse o itinerario practicamente na súa totalidade.
José Luís Ferro incidiu que “o Goberno galego é o máis interesado en que os autobuses interurbanos funcionen ben e se adapten o máis posible ás necesidades dos usuarios, polo que sempre está moi atento ás súas peticións e suxestións e pendente das demandas que trasladan colectivos ou administracións”.