Demanda dunha alternativa ao Perte do téxtil que garanta investimentos estratéxicos en Galicia

14
Mar

Demanda dunha alternativa ao Perte do téxtil que garanta investimentos estratéxicos en Galicia

Demanda que debe facer a xunta de galicia ante o goberno central para garantir investimentos estratéxicos no sector téxtil en Galicia 

 

Os fondos europeos Next Generation configúranse como unha oportunidade histórica para afrontar o futuro do tecido produtivo, máis se cabe, nun escenario marcado pola saída da pandemia, primeiro, e pola invasión rusa de Ucraína e as perspectivas de desaceleración, despois. Estes factores están a xerar unha situación de incerteza que afecta non so á economía no seu conxunto, senón tamén a numerosas empresas españolas e galegas que están a ter dificultades para desenvolver a súa actividade polo encarecemento dos custos, e a algunha das súas industrias máis importantes.

De feito, estes fondos europeos - de executarse con criterios obxectivos e transparentes e en coordinación coa Xunta de Galicia - representan o camiño máis adecuado para lograr impulsar a transformación industrial a partir de tres vectores de crecemento cruciais na próxima década: sustentabilidade, dixitalización e innovación. Galicia está preparada para abrirse paso cara a esta nova economía grazas ás medidas que ten adoptado para apoiar a recuperación económico e grazas tamén a súa aposta pola colaboración de empresas, centros de coñecemento e demais axentes que apostan por crear riqueza e emprego desde a nosa Comunidade.

Estes obxectivos atinxen aos diferentes sectores económicos que configuran o tecido produtivo galego, máis, se cabe, cando nos referimos a aqueles cun maior peso, como é o caso do téxtil. Unha industria na que Galicia é referente no noso país, sendo sinónimo de calidade e de deseño, e situada sempre á vangarda das últimas tendencias no mundo da moda.

O téxtil representa o 37% do PIB de Galicia, facturando preto de 30.000 millóns de euros e dando emprego a 36.000 persoas, cun alto compoñente feminino - o 76% do conxunto e o 8,2% do total de emprego feminino na Comunidade-. Ademais, a moda galega se comercializa en todo o mundo, sendo, así mesmo, a primeira exportadora téxtil a nivel nacional.

Son estas cifras que falan por si soas, e que sitúan tamén a dimensión do reto que a propia industria ten por diante, o da súa relocalización. Neste sentido, hai pouco máis dun ano, e por primeira vez, todo o sector unía as súas forzas para presentar un
proxecto coa intención de que se aprobara un Perte (Proxecto Estratéxico para a
Recuperación e Transformación Económica) específico que servise para impulsar a súa redindustrialización e traer produción de volta a España. Un plan liderado pola
Confederación Moda España e o Consello Intertextil Español (CIE), e no que tamén
participou, de modo activo, Cointega (Clúster do Sector téxtil-moda de Galicia).

Este Perte tiña por obxectivo lograr investimentos por un valor de entre 11.000 e
12.000 millóns de euros, mediante a colaboración público-privada. Pese a importancia destas cifras, e pese a que o proxecto conseguiu unir as vontades tanto das grandes empresas como das pemes, o Goberno central decidiu, sen previo aviso, aparcar este Perte ofrecendo, como único alternativa, a participación desta industria no Perte de Economía Circular, onde introduciu unha pequena partida de 100 millóns en exclusiva para o sector, que aínda non se teñen nin convocado.

A realidade resulta, polo tanto, dramática: dun proxecto que contaba coa participación e a cooperación de todo o sector, e que aspiraba a miles de millóns de euros para afrontar os grandes retos e manter a industria téxtil no lugar que hoxe ocupa, a unha iniciativa subsidiaria, con apenas 100 millóns, que todo o que ofrece son máis palabras bonitas, enmarcadas no concepto da economía circular, que realidades das que poida dispor a nosa industria para afrontar os grandes desafíos que ten por diante.

Unha decisión drástica sobre a que o Goberno central, como vén sendo habitual, non ofreceu ningunha explicación, nunha mostra máis de distribución dos fondos europeos marcada polo centralismo, a lentitude e a falta de transparencia. Este modo de xestión supón un evidente risco de perder investimentos estratéxicos, con capacidade de facer crecer e transformar a economía a corto, medio e longo prazo.

É o caso, por exemplo, da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri en Palas de Rei. Unha iniciativa tractora do Polo para a Transformación de Galicia, deseñado coa colaboración do Comité de Expertos, que implicará un investimento de 800 millóns de euros e a creación de 2.500 empregos entre directos e indirectos, e sobre a que, sen embargo, o Goberno galego segue agardando unha confirmación do Executivo central sobre o acceso aos fondos europeos tras máis dun ano de ser seleccionada como prioritaria para Galicia e ser a primeira planta en España destas características.

Todo isto sucede cando “a Estratexia da Unión Europea sobre produtos téxtiles sostibles e circulares ten coma obxectivo que para o 2030 todos os produtos téxtiles comercializados na UE sexan de longa duración, que estean fabricados, na medida do posible, con fibras recicladas, e non conteñan substancias perigosas con respecto aos dereitos sociais e o medio ambiente”.

 

Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular
presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno central unha alternativa ao Perte do téxtil -aparcado sen explicación e pese á vontade do sector-, capaz de garantir investimentos estratéxicos tanto para a industria de Galicia como para o conxunto da economía galega”

Comparte: