Demanda da non  aplicación dos criterios do Real Decreto-lei 6/2022 para eliminar o procedemento de avaliación ambiental de determinados parques eólicos

16
Xu

Demanda da non aplicación dos criterios do Real Decreto-lei 6/2022 para eliminar o procedemento de avaliación ambiental de determinados parques eólicos

Demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España en relación coa tramitación ambiental dos parques eólicos e a non aplicación dos criterios do Real Decreto lei 6/2022 

 

O pasado 30 de marzo de 2022, o Goberno central publicou no Boletín Oficial do Estado o Real Decreto-lei 6/2022 polo que se adoptan medidas urxentes no marco do denominado como plan nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais do conflito bélico en Ucraína.

Da lectura deste real decreto lei despréndense, entre outras cuestións, novidades relativas á tramitación de determinados parques eólicos de competencia estatal e que teñen como obxectivo axilizar a súa aprobación.

Así, baixo o título de “axilización dos procedementos relativos a proxectos de enerxías renovables” , regúlase un procedemento de determinación de afeccións ambientais para substituír ao procedemento de avaliación ambiental da lei 21/2013, de 9 de decembro.

Coa nova regulación o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico pode concluír mediante un informe que os proxectos eólicos non se someterán a avaliación ambiental coa soa análise da documentación presentada polo promotor, e prescindindo de toda información pública ou das alegacións das persoas interesadas, e sen consulta das administracións que teñen competencias sectoriais afectadas (patrimonio cultural, dominio público hidráulico, saúde pública...).

Elaborado o borrador de informe do Ministerio que exclúa un parque eólico de avaliación ambiental, ao órgano ambiental da Comunidade Autónoma se lle traslada perante 10 días, e se nada di nese prazo o seu silencio estímase favorable á prescindir da avaliación ambiental.

Isto acontece nos parques eólicos cunha potencia instalada igual ou inferior a 75MW que estean ubicados en zonas de sensibilidade baixa e moderada segundo a “Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables”, elaborada polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.


Deste xeito, elimínanse trámites esenciais como a información pública ou a solicitude de informes aos organismos sectoriais.

Esta medida pon de manifesto a improvisación e incoherencia de política de transición enerxética impulsada polo actual Goberno central, así como a ausencia de diálogo e consenso coas Comunidades Autónomas nun asunto estratéxico como é sentar as bases dun desenvolvemento eólico planificado, ordenado e coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que non se apliquen os criterios do Real Decreto-lei 6/2022 para eliminar en determinados parques eólicos o procedemento de avaliación ambiental, o trámite de información pública e as peticións de informes sectoriais que permiten unha axeitada tramitación ambiental”.

 

Rexistro:https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002963

 

Nota de prensa: http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/6010-o-parlamento-galego-pide-ao-goberno-central-que-non-aplique-o-decreto-que-elimina-a-tramitacion-ambiental-de-determinados-parques-eolicos

 

 

Comparte: