Programa de actualización e revitalización da rede de viveiros forestais e instalación de produción de materias forestais

02
Xu

Programa de actualización e revitalización da rede de viveiros forestais e instalación de produción de materias forestais

 

Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para poñer en marcha un programa de actualización e revitalización da rede de viveiros forestais e instalacións de produción de materiais forestais de reprodución

 

En Galicia contamos cun monte que alberga unha notable variedade de ecosistemas de grande importancia para o mantemento e riqueza da biodiversidade de flora e fauna, pois os montes desempeñan un papel moi importante na protección do solo, da paisaxe e dos sistemas hidrolóxicos.


En setembro do 2021 a Xunta de Galicia aprobaba como decreto a primeira revisión do plan forestal de Galicia que establece unha proxección do monte do futuro para o período 2021-2040, como un instrumento básico para o deseño e a execución da política forestal galega (artigo 72 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia), no que se avalía a situación do monte galego e se establecen as directrices e programas de actuación da política forestal de Galicia, así como os mecanismos de seguimento e avaliación necesarios para o seu cumprimento.

O primeiro eixo estratéxico de intervención no marco da 1ª revisión do Plan forestal de Galicia, ten por obxecto garantir a conservación dos valores ecolóxicos que alberga o monte galego, así como a prestación dos servizos ambientais que proporciona.

Resulta imprescindible a continuación e fortalecemento das liñas de mellora xenética forestal orientadas á obtención de materiais forestais de reprodución de alta calidade xenética para o seu emprego en repoboación forestal así como a obtención de maiores rendementos madeireiros.

É competencia da administración autonómica a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais, coa finalidade de conservar o acervo xenético forestal, fornecer o material forestal de reprodución mellorado, obter material forestal resistente a pragas e enfermidades forestais e mellorar a produción forestal en calidade e cantidade.

Dende o Grupo Parlamentario Popular consideramos moi importante coidar o noso monte, pois debemos ter en conta que a actividade humana sobre o monte, xunto coa alteración das condicións ambientais ten un impacto sobre a diversidade xenética forestal, e esta é a base fundamental da evolución e da adaptación dos ecosistemas forestais e dos seus compoñentes, tanto no espazo como no tempo.

Por iso, tendo en conta que a conservación dos recursos xenéticos forestais é un dos ámbitos definidos na Estratexia forestal europea de 2013, cremos que debe ser un dos obxectivos a empregar os fondos FEADER en Galicia.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que poña en marcha un programa de actualización e revitalización da rede de viveiros forestais e instalacións de produción de materiais forestais de reprodución”.

Comparte: