O Parlamento aproba a tramitación da iniciativa lexislativa popular para regular a custodia compartida

17 Oct 2017

Santiago, 17 de outubro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto favorable dos grupos Popular e socialista, a toma en consideración da proposición de Lei, de iniciativa lexislativa popular, de corresponsabilidade parenteral e de relacións familiares no cese da convivencia.

 

Neste sentido, a viceportavoz popular, Paula Prado, manifestou que “non debemos ter medo a unha figura que só busca o interese supremo do menor”, pero avanzou o compromiso de que antes de proceder á tramitación deste novo texto lexislativo “escoitemos, cando menos, á Comisión Superior para o estudo e desenvolvemento do Dereito Civil en Galicia, co fin de que nos facilite asesoramento para evitar que o Tribunal Constitucional anule esta norma autonómica”.

 


Paula Prado iniciou a súa intervención no Pleno expresando a solidariedade do Grupo Popular “coas familias das persoas falecidas nos terribles incendios que asolaron Galicia estes días, así como de apoio a todas as persoas que perderon calcinadas as súas casas, as súas plantacións ou empresas”. Ademais, trasladou “o noso recoñecemento para todos os profesionais e voluntarios que estes días traballaron arreo, poñendo a súa vida en risco, para salvar a vida dos seus paisanos e apagar os lumes que prenderon os incendiarios”.

 


Respecto da proposición de lei de custodia compartida, a viceportavoz avogou por “garantir os dereitos dos fillos e fillas cando se produce unha separación dos seus proxenitores, e ser capaces de illar os problemas xurdidos na relación de parella e que estes non afecten ao dereito dos fillos e fillas a relacionarse co seu pai e coa súa nai”.

 


IGUALDADE DE DEREITOS

 


“Hai un sentir nunha parte importante da sociedade que considera que, no casos de conflitos entorno á garda e custodia, a división do período de tempo que fillos e fillas teñen estipulado para estar en compañía do pai ou da nai debería producirse en igualdade de dereitos para homes e mulleres”, sinalou Paula Prado.

 


Así, manifestou que o obxectivo desta regulación “deberá ir na liña do consenso que existe en torno a que a custodia compartida é a mellor solución para o exercicio da garda e custodia dos menores cuxos proxenitores se teñan separado, pero entendemos que deberá ir encamiñada a cumprir os mandatos da recente xurisprudencia que está marcando o Tribunal Supremo e non optar tanto pola custodia monoparental senón, como di o alto tribunal, conseguir que a custodia compartida sexa unha medida que haberá que considerarse normal e incluso desexable”.

 


“Entendemos que a garda e custodia deberá acordarse cando un xuíz entenda que o interese do menor, que é o que sempre deberá prevalecer, atópase amparado pola mesma”, sinalou a viceportavoz do Grupo Popular, quen considerou que deberán valorarse diversas circunstancias concorrentes para determinar cal é a solución máis axeitada: a relación existente entre os menores e os seus proxenitores; a vontade de cada un deles de asumir os seus deberes e a súa posibilidade de conciliar vida familiar e laboral; escoitar a opinión e desexos do menor e o ditame dos expertos; sen esquecer todos os criterios relevantes para o benestar do menor como idade, arraigo social, escolar e familiar.

 


FOMENTAR O ACORDO

 


Prado apuntou que “regular a custodia compartida suporá tamén fomentar o acordo entre os proxenitores a través da mediación familiar, co fin de reducir a litixiosidade así como de promover a corresponsabilidade parental, deixando atrás o concepto de visitas e subraiar a relevancia do contacto cotiá e frecuente entre os proxenitores e os seus fillos e fillas”.

 


“Sen esquecer que deberemos extremar as precaucións en consonancia coa normativa existente sobre a violencia de xénero e o Estatuto da Vítima, excluíndo en todo caso, a corresponsabilidade parental nos supostos de violencia de xénero ou doméstica”, sinalou.

 


A viceportavoz popular explicou que o Grupo Popular, de acordo coa ponencia social aprobada no último congreso do PP de España, “coincide a grandes rasgos con esta proposición lexislativa popular”, aínda que sinalou “dúas cuestións que nos preocupan: unha cuestión de inconstitucionalidade, xa que a regulación das relacións paterno-filiais son competencia do Estado; e a obrigatoriedade de optar pola custodia compartida”.

Síguenos nas redes sociais