Tellado pon deberes a Miñones: garantir a saúde pública, frear o ataque á costa, á industria e ao naval, e rematar co castigo orzamentario a Galicia

16
Abr

Tellado pon deberes a Miñones: garantir a saúde pública, frear o ataque á costa, á industria e ao naval, e rematar co castigo orzamentario a Galicia

“Ata agora tivemos ao delegado de Ferraz en Galicia. Agora a ver se logramos ter ao delegado de Galicia no Goberno”, salientou 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, transmitiulle a José Miñones os cinco deberes pendentes que debe afrontar como novo delegado do Goberno tras cumprirse máis de dúas semanas do seu nomeamento: o recurso á Lei de Saúde Pública, a Lei de Cambio Climático, o desmantelamento da industria galega, o abandono do sector naval e o ataque orzamentario e o inxusto reparto de fondos.

 

Como subliñou, trátase de cinco tarefas fundamentais nas que pode demostrar “se traballa para o Partido Socialista ou para Galicia” e nas que fracasou “por incomparecencia” o seu antecesor no cargo, Javier Losada, ao que cualificou como “o peor delegado que se recorda na nosa Comunidade” por estar moito máis preocupado de aplaudir a Sánchez e de poñer a Delegación ao servizo do PSOE que de traballar polos galegos.

 

Tellado destacou que isto pode cambiar con Miñones, incidindo nas cinco grandes cuestións principais que, xunto coa xestión da pandemia sanitaria e económica, máis afectan á Comunidade. Segundo afirmou, todas dependen da vontade do Executivo de Sánchez e poden comezar a resolverse calquera martes nun Consello de Ministros.

“Ata agora tivemos ao delegado de Ferraz en Galicia. Agora a ver se logramos ter ao delegado de Galicia no Goberno”, salientou preguntando se Miñones decidirá servir á nosa Autonomía ou a Sánchez. “Se decide servir aos galegos contará sempre coa man tendida do PPdeG”, aseverou.

 

GARANTIR A SAÚDE PÚBLICA

O secretario xeral referiuse á primeira gran cuestión afeando que, sen mediar palabra, sen buscar solucións conxuntas e sen sequera advertir á Xunta, o Estado presentase un recurso de inconstitucionalidade á reforma da Lei de Saúde de Galicia.

 

Tellado criticou que esta fose a resposta do Executivo central despois de meses nos que a Administración autonómica lle demandou unha lexislación sanitaria para xestionar a pandemia, de que a vicepresidenta primeira se comprometese a reformar a lexislación nacional na materia, e de facer oídos xordos ao borrador de reforma da Lei Orgánica de Saúde Pública que se enviou á Moncloa, aclarando que a Comunidade non tivo outro remedio que desenvolver a súa lexislación propia para garantir a seguridade xurídica.

 

Logo de insistir en que a actuación do Goberno non responde á mínima lealdade institucional, puxo en dúbida que este queira realmente chegar a acordos cando o ministro Iceta acaba de convocar unha comisión mixta de diálogo pero sen retirar o recurso de inconstitucionalidade.

 

PROPAGANDA ECOLOXISTA

O segundo asunto que nos afecta profundamente, como apuntou Tellado, é a nova Lei de Cambio Climático, cuxo Artigo 18 supón un ataque directo a milleiros de empregos na Comunidade e provocará o peche dun centenar de empresas da cadea mar-industria por unha “redacción caprichosa” que o PSOE se nega a cambiar. “Non se pode facer propaganda ecoloxista a costa de desmantelar a industria costeira de Galicia”, dixo sinalando que evitar ese desastre é tamén unha responsabilidade compartida do novo delegado.

 

DESMANTELAMENTO INDUSTRIAL

Igualmente, manifestou que Miñones debe parar o ataque de Sánchez contra o noso tecido industrial, pois Alcoa, Siemens-Gamesa, Ferroatlántica, Alu Ibérica e agora ENCE foron pechadas ou están en vías de marcharse da Autonomía.

 

Sobre isto, puntualizou que estas grandes empresas, que xeran riqueza e milleiros de postos, non se van de Galicia senón que marchan de España ante unha política industrial caótica e contraditoria, unha transición ecolóxica “que nin e transición nin é ecolóxica” e por un “Estatuto Electrointensivo fallido”. “Estamos ante un auténtico desmantelamento da industria galega sen un plan de futuro, só o desemprego e a pobreza”, precisou.

 

ABANDONO DO SECTOR NAVAL

Tal e como recalcou, o novo delegado tamén ten que recuperar o apoio do Estado ao naval galego xa que, desde a chegada de Sánchez á Moncloa, perdéronse investimentos millonarios, retrasouse a construción das fragatas F-110 e seguen negándose a encargar un buque ponte en Navantia Ferrol.  “O PSOE xoga a facer política cos traballos de milleiros de familias”, admitiu mentres solicitaba a implicación de Miñones para conseguir que o Consello de Ministros axilice a construción das fragatas e encargue canto antes o barco ponte.

 

ATAQUE AOS ORZAMENTOS E REPARTO INXUSTO

Por último, falou do ataque orzamentario e financeiro co que o Executivo socialista trata de vingarse da Autonomía, cos orzamentos máis baixos da ultima década e media e cunha caída do investimento territorializado do 11%.

 

Ademais, cuestionou que, en todos os repartos de fondos, cambian os criterios pero o agravio a Galicia mantense. De feito, nos últimos, incluíndo fondos europeos REACT-UE e os Fondos Covid, a Comunidade saíu perdendo 700 millóns de euros.

 

 

 

 

Comparte: