Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies


O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA REFORZAR A PRESENZA DAS EMPRESAS PESQUEIRAS EN FEIRAS INTERNACIONAIS



·    O acordo insta á Xunta a potenciar e ampliar as distintas liñas de apoio tanto desde o punto de vista técnico e económico

 


Santiago, 22 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar, co voto en contra dos grupos da oposición, a iniciativa do Grupo Popular dirixida a reforzar a presenza das empresas pesqueiras galegas nas feiras e mercados internacionais de maior prestixio.



O acordo insta á Xunta de Galicia a potenciar as distintas liñas de apoio que xa existen, ampliando os recursos económicos e técnicos dos que poden beneficiarse os distintos axentes profesionais do noso sector pesqueiro



O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, destacou que “unha medida destas características contribuirá a mellorar a eficiencia do sector, reforzar a súa visibilidade e presenza no exterior e aumentar a súa capacidade para ampliar mercados”.



UN SECTOR EXTERIOR EN ALZA



O portavoz popular salientou que “este é un momento especialmente acaído para este tipo de iniciativas posto que, segundo acreditan os datos, está en alza”. Neste sentido, subliñou que “as exportacións galegas de pescados e mariscos veñen de incrementarse un 9,2 por cento en 2014, superando as 210.000 toneladas e cun valor económico que supera tamén os 363 millóns de euros”.



Balseiro explicou tamén que as empresas galegas representan aproximadamente o 50 por cento do total do volume de exportacións de España de preparados, conservas e semiconservas e supón case o 60 por cento do valor económico das exportacións nestes sectores.


O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO FACILITAR AOS TRABALLADORES DO MAR QUE POIDAN AUMENTAR VOLUNTARIAMENTE AS SÚAS BASES DE COTIZACIÓN



·    A sesión plenaria procederá ao debate para a aprobación do proxecto de Lei de asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e o debate de toma en consideración do proxecto de Lei de coordinación de policías locais



Santiago, 21 de marzo de 2016.- O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria da vindeira semana dúas proposicións non de lei dirixidas a facilitar que os traballadores do mar poidan aumentar voluntariamente as súas bases de cotización e para solicitar ao Concello de A Coruña a apertura do túnel do Parrote, xa que pasaron máis de 100 días desde a recepción das obras.



A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Romero, explicou que “os traballadores do mar carecen na actualidade da posibilidade, do mesmo xeito que os traballadores autónomos e do sector agrario, de incrementar voluntariamente as cotizacións para que as pensións que cobren no futuro sexan maiores”.



CAMBIOS NORMATIVOS



Deste xeito, a través dunha proposición non de lei, o Grupo Popular solicita que o Goberno central impulse os cambios normativos necesarios para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando co sector a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as súas bases de cotización.



A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo a apertura do túnel do Parrote en A Coruña, “unha obra que foi informada favorablemente polos técnicos do Ministerio de Fomento asegurando que o tráfico podía circular polo mesmo, pero que a día de hoxe o Concello de A Coruña aínda non puxo data para a súa apertura”.



“Van máis de cen días desde a data da recepción das obras e o túnel do Parrote segue pechado á circulación, provocando prexuízos e molestias de tráfico a máis de 40.000 veciños e propietarios de comercios e locais de hostalería”, apuntou.



DOUS PROXECTOS DE LEI



Previamente a estas proposicións non de lei, a sesión plenaria dará comezo co debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e do seu sector público. “Esperamos que a aceptación que esta norma tivo en Comisión, onde saíu adiante sen ningún voto en contra, se manteña en Pleno para reforzar  os servizos xurídicos da Xunta na busca dun maior control da legalidade, da transparencia, da loita contra a corrupción e, en definitiva, dunha maior defensa dos dereitos dos cidadáns”, manifestou a viceportavoz popular.



Cristina Romero apuntou que “o obxectivo da Xunta e do Grupo Popular é que esta lei saia adiante co maior consenso posible para garantir a súa permanencia, ao tempo que sexa capaz de dar resposta ás necesidades de asesoramento, control e defensa que precise a administración autonómica, os seus entes e os seus empregados públicos”.


A continuación, procederase ao debate de toma en consideración do proxecto de Lei de coordinación de policías locais de Galicia, que actualiza e adapta a normativa existente ás novas normativas vixentes, establecendo unha serie de cambios e axustes que permitan acadar un maior índice de eficacia na organización e estrutura dos cadros de persoal das policías locais.



Entre as medidas que incorpora este proxecto de Lei, Romero subliñou a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder ao corpo de policía local galego, así como unha mellora nos procesos de cobertura de prazas de mandos, que facilita tanto a promoción interna, como a mobilidade con ascenso desde outros corpos.



Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno sobre as consecuencias da sentenza do Tribunal Supremo que anula a prórroga das concesións de transporte público interurbano en Galicia, así como pola viabilidade dun cambio de modelo de xestión dos consorcios provinciais de bombeiros.



DEMAGOXIA COA BANDEIRA EUROPEA



Cuestionada sobre a decisión dalgúns concellos de arriar a bandeira europea en repulsa polo política europea sobre refuxiados, Cristina Romero manifestou que “estamos en contra” desta decisión e lembrou que existe un acordo unánime no Congreso dos Deputados que defende que calquera actuación debe respectar os dereitos dos solicitantes de asilo, a legalidade internacional e a europea. “A isto sumouse o acordo razoable e sensato asinado a nivel europeo o pasado venres que garante o respecto rigoroso á legalidade europea e internacional e a exclusión expresa de calquera tipo de expulsión colectiva”, indicou.



Así mesmo, a viceportavoz criticou “a demagoxia coa que actúan determinados grupos nacionalistas respecto desta situación, xa que por un lado están a arriar a bandeira de Europa, pero por outra poñen as dúas mans para recibir investimentos de Europa para as cidades onde gobernan”.


PEDRO PUY ASEGURA QUE EXISTE “UNHA EXPECTATIVA RAZOABLE” DE QUE O PP CONSIGA UNHA MAIORÍA SUFICIENTE PARA GOBERNAR NAS VINDEIRAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS



Nunha entrevista en SER-Galicia, afirmou que “hai partido, hai que xogalo e temos que ser capaces de convencer ás persoas que apoiaron ao PP de seguir facéndoo neste novo proceso electoral”



“O PSOE está a atravesar unha situación moi complicada, en parte pola propia culpa dalgunhas das cuestións que ten formuladas no debate público en relación á esixencia de responsabilidades públicas en momentos de actuación xudicial moi iniciais”, dixo



Santiago, 20 de marzo de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que no Partido Popular de Galicia existe “unha expectativa razoable de conseguir unha maioría suficiente para gobernar” nas vindeiras eleccións autonómicas. “Hai partido, hai que xogalo e temos que ser capaces de convencer ás persoas que apoiaron ao PP de seguir facéndo neste novo proceso electoral autonómico”, indicou. Respecto da candidatura de Feijóo, Puy manifestou que hai “unha opinión maioritaria dentro do PP  que estima que sería o mellor candidato e un activo que debemos aproveitar de cara ás eleccións autonómicas”.



Nunha entrevista na Cadena SER, Pedro Puy considerou “lóxico que os candidatos que teñen éxito electoral constitúan un dos principais activos dun partido político e entendemos que esa idea é compartida pola sociedade e os indicios demoscópicos, que tamén avalan esa posición”.



“Feijóo é unha persoa ben valorada e a xente valora a súa dedicación á fronte da Xunta”, indicou o portavoz popular, quen tamén apuntou a existencia dunha “opinión maioritaria dentro do partido que estima que sería o mellor candidato, o que non quere dicir que esteamos a falar dun partido que ten ministros, 41 deputados e a metade dos alcaldes de Galicia, é dicir, moitas persoas con experiencia e capacidade de xestión”.



OPTIMISTA COA CANDIDATURA



Con respecto á posible candidatura de Feijóo, Puy amosouse “optimista” porque “o Presidente vai tomar unha decisión responsable e na que terá en conta a opinión dos compañeiros do partido”. “Ten demostrado que escoita, atende a razóns e ten un compromiso co país, con Galicia e coa xestión que está facendo na Xunta”, apuntou.



Pedro Puy manifestou que, “despois de terse producido a renovación nos órganos provinciais, o partido ten que formularse cal é a súa mellor opción para as autonómicas” e sinalou que as declaracións de Feijóo “non se poden interpretar como falta de ganas de seguir, senón como un plantexamento leal cos compañeiros do partido aos que se lles dixo que con dúas lexislaturas era suficiente, pero que lle están a dicir que debe repetir, polo que pide que a xente o pense e en función diso tomará a decisión”.



Así mesmo, indicou que “o que representa o activo de Feijóo, á marxe das súas cualidades persoais, é o proxecto que encabezou”. Neste sentido, considerou “razoablemente satisfactorio o balance da xestión da peor crise do século en Galicia” e indicou que “seremos capaces dun debate razoable coas demais forzas políticas para obter un bo resultado electoral”.



PROBLEMAS DA FRAGMENTACIÓN



Cuestionado sobre a situación política en España. Puy dixo que é un “exemplo dos problemas que pode xerar unha excesiva fragmentación do voto e un escenario parlamentario tan complexo que impida formar un Goberno, mesmo xuntando a distintas forzas políticas”. “É a mellor forma de valorar a importancia que ten a existencia dun Goberno estable e que pode facer cousas, tomar decisións e que pode impulsar a economía para consolidar a recuperación”, engadiu.



Puy sinalou que “o control político non é posible cun goberno en funcións, o que non quere dicir que o goberno non poda dar conta das labores de xestión ou daquelas decisión que, por razóns de urxencia, teña que adoptar”. “É algo que vai delimitar o Tribunal Constitucional”, concretou.



“Trátase dun asunto enmarañado polo feito de que esteamos vivindo probablemente a campaña electoral máis longa da historia democrática de España, unha vez que o PSOE rexeitou a posibilidade máis clara, desde o punto de vista aritmético, de conformar un goberno estable a través dun acordo co Partido Popular, situación que nos vai levar a unhas novas eleccións xerais”, afirmou.



DIMITIR CANDO HAXA EVIDENCIA CLARA



Sobre a situación de ex secretario xeral dos socialistas galegos, Pedro Puy sinalou que “o PSOE está a atravesar unha situación moi complicada, en parte pola propia culpa dalgunhas das cuestións que ten formuladas no debate público en relación á esixencia de responsabilidades públicas en momentos de actuación xudicial moi iniciais”. “Estamos a ser moi respectuosos cos cambios no Partido Socialista, a pesar de que os tres máximos dirixentes do PSOE galego desde 2009 teñen problemas coa xustiza”, sinalou.



Pedro Puy avogou porque “as persoas deben dimitir dun cargo político cando hai unha evidencia clara de ter feito algo inconveniente, e hai exemplos en todos os partidos, ou no caso de que se teña unha incerteza absoluta sobre os feitos acontecidos, a Xustiza o investigue e chegue a unha conclusión”. “Se cada vez que alguén denuncia a alguén e un xuíz admite a trámite esa denuncia, iso conleva unha condena política inmediata, imos enrarecer excesivamente o clima político, polo que non é positivo para a sociedade que haxa un incentivo para poñer denuncias cando se quere facer dano a unha persoa política”, asegurou.



PARLAMENTO DE DIÁLOGO E CONTRASTE IDEAS



Por último, Puy defendeu as decisións adoptadas respecto do acontecido con Beiras esta semana no Parlamento. Neste sentido, sinalou que “o Parlamento, que é a institución creada para o diálogo e o contraste de ideas e programas, non é o lugar para o insulto ou para a bronca que vai máis alá do que é o debate político”.



Así, lembrou que “o señor Beiras ten feito disto boa parte da súa carreira política” e apuntou que “hai pouco saída na prensa que hai 25 anos xa fora expulsado do Pleno do Parlamento como consecuencia de ter chamado delincuentes comúns aos deputados do Partido Popular, e agora seguimos nas mesmas”.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2016.- O Comité de Dirección do PPdeG acordou hoxe a celebración dunha Xunta Directiva para o vindeiro sábado, 2 de abril. Nesa reunión está previsto a convocatoria do Congreso autonómico do partido, do que sairá unha nova estrutura orgánica e, por suposto, a persoa que encabezará a lista dos populares de cara as próximas eleccións autonómicas.

Desa reunión sairá a data concreta do conclave, que en todo caso celebrarase na cidade de Ourense. 

Na Xunta Directiva aprobarase, ademais, o Regulamento do Congreso, o cronograma e os prazos que regularán o mesmo, e os dez integrantes da  Comisión organizadora. 






Santiago, 17 de marzo de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que o Consello da Xunta validou o acordo definitivo para a posta en marcha da Lei da Área Metropolitana de Vigo, que dotará aos 14 concellos que a compoñen dun instrumento útil e eficaz ao servizo dos cidadáns.

Logo de lembrar que o pasado mes de xullo acordou co alcalde de Vigo comezar as negociacións para modificar a lei da área de 2012, Feijóo puxo en valor que apenas oito meses despois haxa un texto consensuado entre o Goberno galego e os 14 concellos. Do mesmo xeito, engadiu que este será aprobado definitivamente polo Goberno galego en canto se cumpran os dous requisitos previamente pactados: a validación por parte dos órganos de goberno dos concellos do dito texto e a integración do Concello de Vigo no plan de transporte metropolitano da Xunta.

Con respecto a isto, Feijóo asegurou que a Xunta, pola súa banda, vai axilizar ao máximo os trámites administrativos e seguirá mantendo o seu obxectivo de que, se os concellos cumpren, se poida remitir o texto inmediatamente ao Parlamento de xeito que sexa aprobado neste período de sesións.

As principais cuestións do borrador da lei
Entre as principais cuestións que se inclúen no borrador da lei, o presidente destacou a incorporación dun sistema de voto ponderado á xunta de goberno metropolitana, en función do número de representantes dos distintos concellos e cun mecanismo de corrección para facelo máis equilibrado.

Así mesmo, fixo fincapé tamén na creación dun comité de coordinación en materia de transporte metropolitano, no que terán voz os 14 concellos e no que contarán con voto a Xunta, o Concello de Vigo e un representante do resto dos municipios.

Por outra banda, Feijóo sinalou que o borrador inclúe un sistema de asunción de competencias e financiamento áxil e dinámico, ademais dun mecanismo tamén sinxelo para os novos concellos que se incorporen a área, así como para que algún dos que está poida abandonala se voluntariamente así o decide.

En definitiva, segundo o mandatario, trátase dun texto que é froito dun traballo que rematou en consenso e que recoñece a posición de preeminencia do Concello de Vigo ao tempo que garante un exercicio dialogado dese liderado. Ademais, sitúa a estes 14 concellos como un exemplo en materia de cooperación e ofrece unha ferramenta útil para poder prestar mellores servizos aos seus veciños.
Santiago, 17 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os empregados públicos van recibir este ano o 50% restante da paga extra de 2012 aprazada polo Goberno central. Cobrarán esta cantidade repartida entre as nóminas de abril e setembro.

A primeira metade desta paga foi aboada xa ao longo de 2015, en dous pagamentos repartidos nos meses de maio e outubro. “Non nos esquecemos dos que máis se comprometeron co déficit público —indicou o presidente—, dos que fixeron posible que Galicia fose a única comunidade que non acudiu ao FLA, a que menos incrementou a súa débeda pública desde o ano 2015 e a segunda que menos o fixo desde 2009”

“Máis de 100.000 empregados públicos recuperarán poder adquisitivo e recibirán este ano, de media, 900 euros”, dixo Feijóo, 450 en abril e 450 en setembro. Isto suporá para as arcas públicas un desembolso total de máis de 100 millóns de euros.

Complemento específico
A mellora da situación económica tamén fai posible, segundo adiantou o presidente, que se volva aboar o complemento específico das pagas extra. Era unha medida que, inicialmente, ía facerse efectiva en 2018. Porén, ter as arcas autonómicas saneadas fai posible que se adiante un ano e que este complemento volva pagarse a partir de xaneiro 2017.

O mandatario recordou todas as medidas que se impulsaron nos últimos meses para devolverlles “ás 90.000 familias que conforman os empregados públicos da Comunidade” os esforzos que fixeran durante a recesión: a oferta de emprego público máis grande da última década, concursos de traslados, unha flexibilidade laboral á que se acolleron xa máis de 7.700 persoas e novas medidas para favorecer a conciliación.
Santiago, 17 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanza que a terceira edición do programa de financiamento Galicia 1000 reforza o orzamento un 10% ata chegar aos 100 millóns de euros, o que permitirá mobilizar 330 millóns e apoiar case 1.500 proxectos de pemes galegas.

“O que buscamos é que ningún proxecto solvente se quede sen apoio”, aseverou, incidindo en que o programa enmárcase na prioridade da política económica da Xunta de fortalecer o tecido empresarial e industrial de Galicia, reforzando o investimento que permita crecer ás compañías, impulsando a súa capacidade innovadora, a súa internacionalización e a súa adaptación á Industria 4.0.

Neste senso, Feijóo precisou que o programa Galicia 1000 encaixa en todas esas liñas, e tamén na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten como obxectivos crear 50.000 empregos industriais ata 2020 e elevar o peso da industria no PIB ata o 20%.

O mandatario lembrou que esta iniciativa permitiu nos dous anos que leva vixente poñer en marcha máis de 2.000 proxectos na comunidade, mobilizando 400 millóns de euros. E, destacou que a nova edición ten como unha das súas principais novidades a inclusión de instrumentos financeiros innovadores entre as distintas ferramentas das que disporán as empresas, sumándose a liñas como as de capital risco, os préstamos Jeremie e BEI, ou as liñas de avais.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que o novo Programa Galicia 1000 conta con maior dotación orzamentaria e con ferramentas renovadas, “co obxectivo de garantir que un proxecto viable en Galicia poda contar cun financiamento público no caso de que cumpra os requisitos de viabilidade e solvencia desde o punto de vista empresarial”.


O PLENO APROBA INSTAR Á XUNTA A PRESENTAR NO PARLAMENTO OS DATOS DO REXISTRO ÚNICO DE INFARTO AGUDO DE MIOCARDIO E AS CONCLUSIÓNS EN BASE AOS MESMOS



·    Núñez Centeno subliñou que Galicia “conta cunha atención cardiolóxica das máis avanzadas de España, destacando a excelente capacitación profesional, a dotación tecnolóxica axeitada e completa, cunha boa distribución xeográfica, e cunha organización rexionalizada e en rede”



Santiago, 16 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a presentar, antes do remate do próximo mes de abril, os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto agudo de miocardio (Regaliam), as conclusións da Consellería de Sanidade en base aos mesmos e as medidas oportunas que se precisen en función dos resultados para a mellora da atención das persoas enfermas.



O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, lembrou que esta mesma mañá se presentaron os datos técnicos deste rexistro galego, pero “seguimos a manter a nosa proposta para que a Consellería presente neste parlamento os datos recollidos, a interpretación dos mesmos e a valoración dos posibles novos recursos necesarios para a atención deste grupo de enfermos en función dos resultados”.



NACEU DUNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA



Núñez Centeno recordou que o Regaliam nace logo da aprobación no Parlamento o 3 de decembro de 2014 dunha iniciativa do Grupo Popular na que se instaba á Xunta a elaborar un rexistro único de ámbito galego que recollera toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio. “O principal obxectivo era trasladar á cidadanía unha mensaxe clara e inequívoca de que a atención en toda Galicia é moi boa en caso de infarto agudo de miocadio”, apuntou.



Neste sentido, o portavoz popular subliñou que Galicia “conta cunha atención cardiolóxica no ámbito da cardiopatía isquémica das máis avanzadas de España, destacando a excelente capacitación profesional, unha dotación tecnolóxica axeitada e completa, cunha boa distribución xeográfica, e cunha organización rexionalizada e en rede, coincidindo coas recomendacións das sociedades científicas, entre elas a Sociedade Española de Cardioloxía”.



DATOS OBXECTIVOS E COMPARABLES



Aurelio Núñez manifestou que “será moi importante valorar e comparar no Regaliam as cifras de falecemento en aqueles enfermos de infarto agudo de miocardio que superaron os 120 minutos entre o inicio da clínica e a revascularización, así como valorar as decisións adecuadas para o control da evolución posterior dos enfermos tratados despois deses 120 minutos”.



“A súa supervivencia en anos, a súa calidade de vida ou a presenza de complicacións derivadas do seu proceso inicial de infarto agudo de miocardio son datos importantes a avaliar”, sinalou o portavoz popular.



Núñez Centeno afirmou que “ter un rexistro único e cos mesmos parámetros permitirá dispoñer de datos obxectivos e comparables de todas as áreas de saúde de Galicia para tomar decisións sobre as necesidades reais de recursos humanos e materiais, así como sobre a distribución xeográfica dos mesmos, para unha atención de calidade aos enfermos que sufran un infarto agudo de miocardio en Galicia”. 



O PARLAMENTO APROBA, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, DEMANDAR Á ALCALDÍA DE MADRID O MANTEMENTO DA RÚA ÁLVARO CUNQUEIRO



·    Tamén se insta ás institucións e entidades culturais de  Galicia a honrar publicamente o traballo desenvolvido por Cunqueiro, ao tempo que se solicita ao Consello da Cultura elaborar un informe sobre a relevancia literaria deste escritor e a súa contribución á defensa e difusión da lingua e cultura galegas



·    O portavoz de Cultura afirmou que retirar a rúa “sería un acto de intolerancia, revanchismo e cinismo intolerable, propio de listas negras e censura ideolóxica impropia da sociedade actual”



Santiago, 16 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, á que se sumaron emendas do PSOE e do BNG, a través da que se demanda á Alcaldía de Madrid o mantemento da rúa en memoria de Álvaro Cunqueiro no rueiro desta cidade. Así mesmo, insta ás institucións e entidades culturais de Galicia a honrar publicamente o traballo desenvolvido por Álvaro Cunqueiro, ao tempo que solicita ao Consello da Cultura Galega elaborar un informe sobre a relevancia literaria deste escritor e a súa contribución á defensa e difusión da lingua e cultura galegas.



O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, considerou a Álvaro Cunqueiro como “un grande da cultura de Galicia e de España, un home dunha obra tan grande, complexa e extraordinaria que sería mellor pintalo que explicalo, porque faría falta un dicionario enteiro e aínda non chegaría”.



Baamonde lembrou que o feito de retirar a rúa Álvaro Cunqueiro de Madrid “aínda non está consumado, porque o propio Concello xa rompeu a súa relación coa cátedra da Universidade Complutense que elaborou o informe” que relaciona ao escrito co franquismo.



“Sería un acto de intolerancia, revanchismo e cinismo intolerable, propio de listas negras e censura ideolóxica impropia da sociedade actual”, sinalou o portavoz popular. Por este motivo, reclamou “respecto para Cunqueiro e para Galicia”, para o que “invoco a propia Lei de Memoria Histórica que defende o espírito de respecto e non confrontación”.



DECISIÓN SEN FUNDAMENTO



Baamonde sinalou que a decisión de retirar a rúa a Álvaro Cunqueiro “carece de fundamento porque basta con revisar a súa biografía para ver que non tivo participación activa na represión franquista e tamén porque o recoñecemento outorgado a Cunqueiro e outras persoas incluídas nese listado non foi pola súa afiliación franquista, senón polo valor inmenso da súa obra”.



“A opinión pública outorgoulle o seu recoñecemento e o levou a categoría de referente da cultura de Galicia e España e colocouno na historia”, lembrou o portavoz popular, quen fixo referencia á “gran cantidade de rueiros e prazas que levan o seu nome, entre eles o novo hospital público de Vigo”.



Deste xeito, apuntou que “quen é capaz de concitar tal unanimidade e impacto na conciencia colectiva desta terra non pode ser denostado como franquista”, ao tempo que salientou o seu papel galeguista e o dominio extraordinario tanto da lingua galega como da castelá”.

O GRUPO POPULAR DEMANDA Á OPOSICIÓN QUE “RECAPACITE E PENSE QUE O HOSPITAL PÚBLICO ÁLVARO CUNQUEIRO É XA UNHA REALIDADE E A SÚA TEORÍA CONSPIRATORIA TOCA AO SEU FIN”



·    “Esa hipotética operación provocaría un grave deterioro nas contas públicas da Xunta de Galicia, inasumible nestes momentos”, sinalou



·    Dorado asegurou que “quen vai gañando polo de agora son os vigueses, porque ningún dos ataques dos grupos da oposición a este hospital público chegou a facerse realidade”



Santiago, 16 de marzo de 2016.- O deputado do Grupo Popular Javier Dorado demandou hoxe aos deputados da oposición que “recapaciten e pensen que o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo xa é unha realidade, polo que a súa teoría conspiratoria toca ao seu fin”.  Neste sentido, cualificou de “pirueta matemática interesante pero sen ningún tipo de credibilidade” a súa proposta para rescatar con 69 millóns de euros o novo hospital público de Vigo.



“Esa hipotética operación provocaría un grave deterioro nas contas públicas da Xunta de Galicia, inasumible nestes momentos”, sinalou o deputado popular. Neste sentido, demandou a AGE que “se sumen á defensa da sanidade pública con feitos, a perfeccionala e a mellorala, porque é o que reclaman os cidadáns”.



Dorado explicou que a iniciativa defendida por AGE “ampara a suposta ilegalidade da concesión do novo hospital público nunha directiva europea de ano 2014, cando o contrato asinouse en 2010”. “A legalidade dun contrato a marca a normativa vixente no momento da súa formalización e non outra que se puidera aprobar pasados uns anos”, indicou.



GAÑAN OS VIGUESES



“Quen vai gañando polo de agora son os vigueses, porque ningún dos ataques dos grupos da oposición a este hospital público chegou a facerse realidade”, salientou Javier Dorado. Así, reiterou que “a postura do Partido Popular non cambiou e segue a ser a mesma: defender o Hospital Público Álvaro Cunqueiro como o hospital máis moderno e con mellores dotacións de toda Galicia, que ven solventar un problema histórico na área sanitaria de Vigo”.



Dorado amosou a súa satisfacción porque os grupos da oposición “pasaran de considerar o novo hospital como pequeno a dicir agora que é un grande complexo sanitario”, ao tempo que “recoñecen a celeridade e dilixencia da Xunta para poñer en marcha canto antes este hospital público”. “Sabíamos que era unha necesidade urxente para a cidade de Vigo e actuamos con celeridade e dilixencia, pero tamén sempre ao abeiro da legalidade vixente”, indicou.



Para rematar, o deputado popular recoñeceu que na construción e posta en marcha deste hospital público “xurdiron incidencias, problemas e cometéronse erros, pero todos eles se foron subsanando excepto un: o sinsentido co que a oposición trata de desbotar este hospital público”. 

Páxina 13 de 22

Síguenos nas redes sociais