Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba solicitar extensión gratuidade do transporte urbano para menores

29 Xun 2016

A iniciativa pretendía ampliar aos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e Ourense o acordado pola Xunta para o transporte metropolitano interurbano



O PARLAMENTO APROBA, CO ÚNICO APOIO DO PP, SOLICITAR AOS CONCELLOS A EXTENSIÓN DA GRATUIDADE DO TRANSPORTE URBANO PARA MENORES DE 18 ANOS



·    O portavoz de Infraestruturas,Jesús Goldar lembrou que despois das mocións presentadas polo PP en cada concello, “somos o único partido que está claramente a favor desta medida social”



Santiago, 29 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto favorable do Grupo Popular, solicitar aos concellos de A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense que adopten cantas medidas sexan necesarias para estender a gratuidade do transporte urbano aos menores de 18 anos, do mesmo xeito que o acordado pola Xunta para o transporte metropolitano interurbano. O portavoz de Infraestruturas, Jesús Goldar, criticou a negativa dos grupos da oposición a apoiar esta iniciativa, que “ten como obxectivos garantir un mellor futuro da mocidade galega, promover o uso do transporte público, axudar á economía das familias con menores e educar aos nenos no uso do transporte público”.



Goldar lembrou que a Xunta de Galicia aprobou o pasado 12 de maio a posta en marcha dunha nova medida de marcado carácter social que consistirá na implementación da gratuidade do transporte metropolitano interurbano para os menores de 18 anos. Esta iniciativa suporá un investimento anual de dous millóns de euros e beneficiará a arredor de 250.000 mozos.



“A medida terá especial relevancia para os mozos de ensino secundario non obrigatorio, de xeito que a gratuidade nos desprazamentos aos centros educativos se estenderá ata os 18 anos; ao tempo que ten unha clara compoñente educativa, ao fomentar unha mobilidade máis sustentable entre os máis novos, concienciándoos das vantaxes que supón o uso do transporte público fronte ao vehículo particular”, apuntou.



EXTENSIÓN AO TRANSPORTE URBANO



Diante desta situación, o portavoz popular sinalou que “a aplicación desta importante medida debe complementarse coa súa extensión ao ámbito do transporte urbano” nos concellos que dispoñen deste servizo: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e Ourense.



Porén, e logo do debate de mocións promovidas polo PP en todos estes concellos, Goldar salientou que “somos o único partido que está claramente a favor desta medida social, xa que os demais abstéñense ou votan en contra en función de para onde vire o vento dos gobernos de turno”.



O portavoz popular lamentou que tanto PSOE, como BNG e AGE “deixaran pasar esta posibilidade de emendar eses graves erros dos seus compañeiros nesas cidades, facendo seguidismo dos seus grupos municipais e deixando ben claro a quen defende cada quen”. 

Síguenos nas redes sociais