Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a devolución aos empregados públicos parte paga extra 2013

28 Xun 2016

O PARLAMENTO APROBA A DEVOLUCIÓN AOS EMPREGADOS PÚBLICOS DA PARTE DEVINDICADA DA PAGA EXTRA DE 2013


·    O portavoz popular afirmou que PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto “se equivocan por facerlle oposición a Galicia, aos representantes dos traballadores e aos empregados públicos do noso país”



·    Tellado lembrou que durante a crise o Goberno galego tivo que “facer axustes que non foron do gusto de ninguén, pero dixemos que aqueles axustes eran temporais e que, en canto a situación económica mellorase, serían revertidos”



Santiago, 28 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde a Lei a través da que os empregados públicos galegos recuperarán a parte devindicada da paga extra do ano 2013, así como a recuperación da totalidade do complemento específico nas pagas extras a partir do vindeiro mes de xaneiro. O portavoz de Administracións Públicas do Grupo Popular, Miguel Tellado, acusou á oposición de “vivir instalada no pataleo e no bloqueo permanente” por non apoiar esta iniciativa lexislativa, acordada cos sindicatos UXT, CC.OO. e Cesif.



Miguel Tellado defendeu a tramitación polo procedemento de lectura única deste proxecto de lei porque “ten como único obxecto o abono da parte do complemento específico da paga extra devindicada nos meses de xaneiro e febreiro de 2013; ten un artigo único, con sete apartados; e vén derivado dun acordo asinado entre a Xunta e tres das catro centrais sindicais representadas na Mesa Xeral de Negociación dos empregados públicos”.



“A cidadanía non valora o bloqueo, a ausencia do diálogo ou o desprezo ao rival político, senón que castiga a soberbia ou a prepotencia”, sinalou Tellado respecto da negativa de PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto a apoiar este proxecto de lei. Neste sentido, asegurou que “practican a política de canto peor, mellor”.



Por este motivo, o portavoz popular sinalou que “se equivocan por facerlle oposición a Galicia, aos representantes dos traballadores e aos empregados públicos do noso país”.



AXUSTES REVERTIDOS



Tellado lembrou que durante a crise o Goberno galego tivo que “facer axustes que non foron do gusto de ninguén, pero dixemos que aqueles axustes eran temporais e que, en canto a situación económica mellorase, serían revertidos”. Así, apuntou que en abril do pasado ano aprobouse no Parlamento galego a Lei de Emprego Público, que comprometía un fondo para devolver a paga extra de 2012 e en setembro deste ano todos os empregados públicos terán recuperado a totalidade daquela paga.



Tamén en setembro do pasado ano o Goberno central devolveu aos seus empregados públicos os días de vacacións e os días de libre disposición que lle foran retirados, habilitando ás comunidades autónomas a facer o propio co seu persoal. “Un mes despois, a Xunta asinou un acordo con tres centrais sindicais para levalo a cabo canto antes”, sinalou.



O portavoz popular engadiu que “este mesmo mes, no mesmo acordo no que a Xunta se comprometeu a tramitar este proxecto de Lei, acordamos coas centrais sindicais que a partires de xaneiro do ano próximo, o persoal empregado público recuperará a totalidade do complemento específico nas pagas extra”. “Adiantámonos un ano ao previsto inicialmente”, salientou.



PP E GOBERNO CUMPREN



Miguel Tellado criticou que a oposición desprece todas as medidas adoptadas polo Goberno galego en beneficio dos empregados públicos. “Dálles igual que haxa 8.500 persoas beneficiándose do sistema de flexibilidade horaria, dálles igual que ampliáramos o permiso de maternidade; e dálles igual que instaurásemos un sistema de adaptación de xornada para aqueles empregados públicos que estean someténdose a tratamentos de radioterapia ou quimioterapia, porque seguirán dicindo que é un goberno que maltrata aos empregados públicos, pero eles, que se están beneficiando destas medidas, saben que non”, manifestou.



“Os empregados públicos, igual que a cidadanía galega en xeral, están a ver que o PP e Goberno cumpren co que dixeron, que están a amosar que o que se fixo tiña un sentido e que están a demostrar que os sacrificios foron temporais e necesarios para evitar a bancarrota e o rescate”, indicou Miguel Tellado.

Síguenos nas redes sociais