Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Parlamento aproba solicitar non sexa ganancia patrimonial o abono de costas xudiciais

23 Xun 2016

A proposta, que saíu adiante por unanimidade logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, pon especial énfase nos afectados polas participacións preferentes que gañaron os procesos xudiciais contra as entidades financeiras



O PARLAMENTO APROBA DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE DEIXE DE CONSIDERAR COMO GANANCIA PATRIMONIAL O ABONO DAS COSTAS XUDICIAIS




Santiago, 23 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG demandar ao Goberno central que deixe de considerar como ganancia patrimonial as cantidades recoñecidas a favor dos contribuíntes como abono das costas xudiciais pola parte perdedora nun xuízo, particularmente no caso dos preferentistas en relación coas cantidades abonadas polas entidades financeiras como consecuencia de teren sido condenadas ao pago das costas xudiciais.



A deputada do Grupo Popular Herminia Pouso salientou que este problema dos afectados polas participacións preferentes “afectou en menor medida en Galicia, xa que a maior parte dos prexudicados das antigas caixas galegas se acolleron á arbitraxe e evitaron acudir á vía xudicial”. Ademais, os que decidiron acudir á vía xudicial, conseguiron acadar un acordo antes da celebración do procedemento, polo que tampouco están afectados polo cobro de costas xudiciais.



“Pero ademais dos afectados polas participacións preferentes, que están obrigados a tributar polas costas procesuais percibidas, debemos ter en conta todas aquelas persoas que se poidan ver afectadas en procesos xudiciais logo de ter que tributar polas costas”, apuntou.



Por este motivo, o Grupo Popular propuxo na súa emenda que a Administración central estenda a todos os contribuíntes a non consideración como ganancia patrimonial das cantidades recoñecidas ao seu favor como dereito ao abono das costas xudiciais pola parte perdedora do litixio, con especial referencia aos posuidores de participacións preferentes que optaron pola vía xudicial para a resolución do seu problema.

 

Síguenos nas redes sociais