Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno

12 Xun 2016
Salienta que o voto que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto
 
Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno e di que os votos a Ciudadanos en Galicia deron escanos ao populismo
 
Asegura que a Podemos non lle interesa o país, que non teñen proxecto para España e que presentan un programa que só vale para gobernar seis meses
 
Apunta que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador  “é a democracia ao revés”
 
Monforte, 12 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o voto ao Partido Popular é a única vía segura para que haxa moderación e goberno.
 
O dirixente, que participou nun mitin en Monforte acompañado polos candidatos ás Cortes pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez, e pola presidenta provincial, Elena Candia; dixo que a alternativa ao goberno dos populares co que crece España non é outro goberno senón o populismo, “que non ten ningún interese en gobernar senón en enganar”.
 
Do mesmo xeito, tamén incidiu en que os votos a Ciudadanos en Galicia non serven para dar escanos a esta formación, lembrando como en Lugo, Ourense ou Pontevedra todos eses apoios transformáronse en máis escanos para as Mareas de Podemos.
 
Tal e como explicou, o voto que comeza en Ciudadanos pode rematar no partido de Pablo Iglesias polo sistema de reparto de escanos, así como o que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto. Ante isto, insistiu en que o que empeza no PP remata no propio PP e na creación de emprego, nunha política económica e nun goberno.
 
Así mesmo, o dirixente incidiu en que a Podemos non lle interesa o país porque só están interesados en eles mesmos, non teñen proxecto para España e presentan un programa que “como moito vale para gobernar seis meses”. 
 
O presidente tamén lembrou que esta é a primeira vez que ocorre que os que perderon as eleccións bloquean o país, recordando que “votar é o único que non nos poden quitar nin bloquear”.
 
Nesa liña, admitiu que, tras estes últimos meses con España en mans do PSOE, de Ciudadanos, de Podemos e dos nacionalistas, comprobamos que estes partidos non son quen nin de repartirse os cargos e que, cando aos populares se lles nega a posibilidade de gobernar hai desgoberno, división e actos só para os medios de comunicación.
 
Por outra parte, tamén fixo fincapé en que se o PP non gaña os comicios si vai facilitar que gobernen os vencedores, “porque hai que aceptar as reglas do xogo, aceptando que o que perde ten que estar na oposición e o que gaña no goberno”. Nese senso, engadiu que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador “é a democracia ao revés”.
 
Feijóo asegurou que agora temos a opción de votar libremente a aqueles que cremos que poden solucionar mellor os problemas do país. E é que, segundo apuntou, os populistas, que nunca gobernaron nin solucionaron nada, din que teñen solución para todo dedicándose exclusivamente a falar pero non a facer.
 
Por este motivo, o presidente salientou que, se o voto se divide non haberá goberno. “Nós non estamos aquí para gobernar seis meses senón para sacar a España da crise económica”, sentenciou.
 

Síguenos nas redes sociais