Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Unanimidade no Parlamento para reclamar o remate do novo acceso ao porto de Burela

08 Xun 2016


UNANIMIDADE NO PARLAMENTO DE GALICIA PARA RECLAMAR O REMATE ESTE ANO DA OBRA DO NOVO ACCESO AO PORTO DE BURELA



·    Ademais das melloras evidentes en comunicación, gañarase en seguridade, pois evitará o paso de 146.000 vehículos pesados ao ano polo centro da localidade



·    A concorrencia de dous gobernos populares, en Galicia e en España, permitiu que nos últimos meses a obra acadara o impulso definitivo tras anos de múltiples contratempos



Santiago, 8 de xuño de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade a iniciativa impulsada polo Grupo Popular na que se insta á Xunta ao remate, neste ano 2016, da obra do novo acceso ao porto de Burela.



Trátase dunha estrada na que o Goberno galego vén de investir preto de 8 millóns de euros, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e que ao longo dos seus 1,26 quilómetros enlazará a Avenida da Mariña coa zona portuaria, á altura da nova lonxa.



INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA



O deputado popular Jose Manuel Balseiro agradeceu o apoio acadado e salientou que “todos os grupos parlamentarios coincidiron en considerar esta infraestrutura como estratéxica polo pulo que suporá para as empresas e particulares que operan nunha das dársenas pesqueiras e comerciais máis importantes do Cantábrico”.



“A gran maioría dos transportes que teñen a súa orixe no porto de Burela son de produtos do mar, peixes e mariscos perecedoiros, polo que mellorar os tempos supón gañar en competitividade e capacidade económica”, dixo Balseiro. Neste sentido, apuntou que, “ademais dunha mellor comunicación, toda a localidade gañará en seguridade pois evitará o paso, inevitable e hoxe obrigado, de 146.000 vehículos pesados ao ano polo centro da localidade”.



MÚLTIPLES CONTRATEMPOS



Balseiro tamén quixo poñer en valor o feito de que a concorrencia de dous gobernos populares, en Galicia e en España, permitiu que nos últimos meses a obra acadara o seu impulso definitivo tras anos de múltiples contratempos.



“Xunta e Goberno central foron quen de desbloquear o trazado, concordar o desvío das liñas de FEVE e elaborar un novo proxecto que superase as dificultades técnicas derivadas da complicada orografía e da necesidade de non provocar un enorme impacto visual e paisaxístico”, explicou Balseiro.



O deputado popular fixo tamén un repaso polos incontables contratempos que afectaron a esta obra e que implicaron unha demora enorme desde que fora proxectada. En concreto, lembrou a paralización xudicial dos traballos pola presentación de distintos recursos que tiveron que resolverse ou a aparición de pegadas arqueolóxicas que precisaron dun plan especial de catalogación e intervención.



Balseiro lembrou que cando o Goberno Feijóo recibiu o proxecto a Xustiza tiña determinado que o trazado decidido polo anterior Goberno bipartito non se correspondía co planeamento municipal vixente, “o que obrigou a empezar practicamente de cero, entre outras cousas, para deseñar un trazado soterrado baixo as vías do tren e, nese senso, salientou o esforzo realizado pola Xunta para mellorar todo o proxecto herdado”.



ASPECTOS TÉCNICOS



Finalmente, desde o portavoz popular repasaron algúns dos principais aspectos técnicos desta obra, que implicou a escavación de preto de 179.000 metros cúbicos de terra e o inminente estendido de mestura bituminosa en quente. A actuación tamén incluíu traballos de restauración e acondicionamento paisaxístico, restauración de patrimonio histórico, drenaxe lonxitudinal e transversal e sinalización horizontal e vertical.



O novo viario beneficiará directamente máis de 9.500 veciños do concello de Burela, e a unha poboación aínda maior debido ao emprego que xera o porto e a afluencia turística que esta localidade ten sobre todo no verán.

Síguenos nas redes sociais