Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba, a iniciativa do GPP, impulsar a compra pública innovadora

08 Xun 2016


O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, INSTAR Á XUNTA A IMPULSAR A COMPRA PÚBLICA INNOVADORA



·    O obxectivo é promover a mellora dos servizos públicos e exercer un efecto tractor na innovación do tecido empresarial e nos centros de coñecemento galegos



·    Moisés Blanco salientou que “Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras en incorporar na súa lexislación e normativa medidas de impulso á compra pública Innovadora”



Santiago, 8 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar a compra pública innovadora en todas as administracións galegas, como medida para promover a mellora dos servizos públicos e exercer un efecto tractor na innovación do tecido empresarial e nos centros de coñecemento galegos. “Temos que seguir avanzando nunha materia que evoluciona a gran velocidade e conseguir o maior número de fondos posibles, porque se non o facemos nós irán a parar a proxectos doutras autonomías ou estados da Unión Europea”, manifestou o portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco.



Na súa intervención, Blanco sinalou que a compra pública innovadora “pódese levar a cabo en calquera ámbito ou nivel da administración que desenvolva procesos de contratación, e abrangue desde a actuación máis sinxela ata a utilización de procedementos contractuais máis complexos”.



O portavoz popular salientou que “España é líder en Europa na creación dun ecosistema necesario que favoreza a investigación e a innovación”, e referiuse “ao importante esforzo lexislativo realizado nos últimos anos para facilitar a utilización das compras públicas con solucións innovadoras”. En concreto, citou a inclusión de procedementos de diálogo competitivo na Lei de contratos do sector público e tamén dunha nova modalidade de contrato de colaboración público privada para a compra pública de tecnoloxía innovadora.



“Pero, ademais, Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras en incorporar na súa lexislación e normativa medidas de impulso á compra pública Innovadora, recollidas no Plan galego de investigación, innovación e crecemento-Plan I2C; na Lei 5/2013, de fomento da investigación e da innovación de Galicia; na Lei 14/2013, de racionalización do sector público autonómico; ou no Plan de mellora da contratación publica 2014-2016”, apuntou.



GALICIA COMO REFERENTE



Moisés Blanco engadiu que “non nos quedamos só na teoría, porque hoxe Galicia constitúe un referente no desenvolvemento de proxectos de compra pública innovadora que conseguiron captar financiamento de fondos Feder e que mesmo, nalgún caso, chegaron a obter o recoñecemento das boas prácticas empregadas”. Neste sentido, citou o Premio estatal á mellor iniciativa innovadora outorgado ao proxecto para implantar un polo tecnolóxico e industrial en Rozas ou o Premio Nacional de Innovación outorgado ao Sergas en 2013.



O portavoz popular considerou “clave a colaboración e o diálogo coas entidades ou organismos públicos que pretendían realizar licitacións mediante procedementos de compra pública innovadora” na consecución de financiamento con fondos Feder. “Froito desta labor, entre 2007 e 2013 conseguiuse cofinanciación para desenvolver proxectos como o Hospital 2050 e InnovaSaúde, do Sergas; LáserPET, da Universidade de Santiago; A-Tempo, da Universidade da Coruña; Táctica, da Universidade de Vigo; ou SmartCity, do Concello de A Coruña; iniciativas que mobilizaron preto de 120 millóns de euros”, dixo.



“Pero, sen lugar a dúbidas, o proxecto estrela que recibiu todos os parabéns e recoñecementos foi a alianza da Xunta con Inaer e Indra para a creación no aeródromo de Rozas dun polo industrial e tecnolóxico de referencia en avións non tripulados para aplicacións civís, unha iniciativa na que a Xunta ampliou a súa aposta inicial de 25 a 40 millóns e se completa con outro de compra pública innovadora no que se investirán 20 millóns en tecnoloxías novas”, indicou. 

Síguenos nas redes sociais