Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento toma en consideración lei para actualizar sistema de transporte público

07 Xun 2016


O PARLAMENTO TOMA EN CONSIDERACIÓN A PROPOSICIÓN DE LEI PARA A ACTUALIZACIÓN DO SISTEMA DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA, IMPULSADA POLO GRUPO POPULAR



·    “O obxectivo é que entre todos sexamos quen de poñer unha solución acaída e urxente a un grave problema que pon en serio risco a milleiros de persoas que traballan nun sector fundamental para a economía de Galicia”, sinalou



·    A nova Lei achegará seguridade xurídica aos usuarios, ás empresas que deben prestar o dito servizo público e, por suposto, aos seus traballadores



Santiago, 7 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a toma en consideración da proposición de Lei de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, impulsada polo Grupo Popular para asegurar a prestación deste servizo a todos os usuarios con todas as garantías e coa máxima seguridade xurídica para os operadores. O portavoz de Infraestruturas, Jesús Goldar, animou aos grupos da oposición a realizar “aportacións construtivas” na tramitación parlamentaria deste texto lexislativo, “co obxectivo de que entre todos sexamos quen de poñer unha solución acaída e urxente a un grave problema que pon en serio risco a milleiros de persoas que traballan nun sector fundamental para a economía de Galicia”.



Jesús Goldar explicou que esta proposición de lei vén dar resposta á recente sentenza do Tribunal Supremo que anulaba a renovación das concesións de transporte público regular permanente de uso xeral por estrada e o plan de modernización deste servizo. “A consecuencia directa desta sentenza é que dos 145 contratos de transporte interurbano existentes en 2009, só 14 manterían a súa vixencia”, apuntou.



Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia ten interposto un incidente de nulidade fronte a esta sentenza do Tribunal  Supremo, ao considerar que procedeu a unha valoración da constitucionalidade dunha disposición autonómica de rango legal, a Lei 5/2009, o que está excluído da competencia do citado tribunal.



“O Grupo Popular cre firmemente que este texto achegará seguridade xurídica aos usuarios dos servizos públicos de transporte da competencia da Comunidade Autónoma; ás empresas que deben prestar o dito servizo público e, por suposto, aos seus traballadores”, manifestou. Ademais, dixo que “non só achega a solución adecuada para garantir esta estabilidade, senón que establece mecanismos para afrontar unha intensa modernización do servizo público e a súa plena adaptación ás demandas da sociedade para as próximas décadas”.



PLAN DE TRANSPORTE



Jesús Goldar explicou que a planificación deste novo sistema de transporte público será afrontada polo Plan de Transporte Público de Galicia, que determinará, ordenará e establecerá a oferta de servizos de transporte público da competencia da Xunta e implementará a coordinación da totalidade de servizos de transporte público que se desenvolvan no territorio galego.



Este Plan de Transporte analizará a ordenación do territorio entermos de mobilidade, fixará os modelos de xestión de servizosbaixo demanda das persoas usuarias; e regulará os requisitos básicos que deba cumprir a oferta de transporte público en ámbitos tales como accesibilidade, conectividade territorial, seguridade, interconexións modais e intermodais nos principais nós de conexión.



Así mesmo, establecerá os sistemas de tarificación que resultarán aplicables ao conxunto do sistema de transportes; complementará as condicións básicas de dereitos e obrigas das
persoas usuarias; e garantirá a accesibilidade para o conxunto da poboación.



CONSELLO GALEGO



Os traballos de elaboración e aprobación deste Plan de Transporte non superarán os 21 meses e na elaboración do mesmo está prevista a participación do Consello Galego de Transportes, no que están presentes a administración local, o sector empresarial, as organizacións sindicais, a representación de consumidores e usuarios, a de persoas con discapacitadas e membros doutras ámbitos sectoriais das administracións públicas de Galicia.



Outra das cuestións que destacou Jesús Goldar da nova Lei é a garantía da continuidade do servizo público afectado polo fallo xudicial. “Esta continuidade sería unha oportunidade para manter as liñas de modernización impulsadas na Lei 5/2009, a través da integración dos plans de transporte metropolitano e no modelo de tarifas zonais; a implantación do sistema de axuda á explotación; e o mantemento do compromiso de integrar progresivamente vehículos accesibles a persoas con mobilidade reducida”. 

 

Síguenos nas redes sociais