Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado di que a baixada do paro en maio evidencia que a recuperación chegou á rúa

02 Xun 2016

Vigo, 2 de xuño de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que tras 31 baixadas consecutivas do paro en Galicia “é evidente que a recuperación económica por fin chegou á rúa”.

O dirixente popular celebrou os datos do paro do pasado mes de maio, onde houbo un descenso no desemprego de 16.517 persoas con respecto a hai un ano, é dicir unha baixada significativa do 7% que se traduce na creación de postos de traballo. 

Así mesmo, salientou que creceu un 1,26% a afiliación á Seguridade Social en relación ao ano pasado, con 11.841 afiliados máis que hai doce meses. En total, levamos 26 meses consecutivos de subidas á afiliación en Galicia dende abril de 2014, uns datos que Tellado cualifica como positivos e que avalan que a recuperación económica “é real”.
 
Para o mandatario cómpre estar satisfeitos posto que o paro baixa en todos os sectores, nas catro provincias e nas sete cidades galegas.
 

Ademais, malia que asegurou que aínda queda moito por facer, puxo en valor todo o traballo realizado nestes últimos meses e que permite que hoxe podamos celebrar estas cifras.

XESTIÓN INEXISTENTE DE CABALLERO EN VIGO

Por outra banda e durante unha rolda de prensa ofrecida en Vigo xunto á portavoz local do PP, Elena Muñoz, Miguel Tellado afirmou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, é un experto en converter “as derrotas en vitorias e as vitorias en derrotas”. Deste xeito asegurou que é difícil facer balance dunha “xestión inexistente cun alcalde que estivo ausente” desde as pasadas eleccións municipais.
 
Tellado salientou que Caballero tivo moitas derrotas ao longo da súa traxectoria, e recordou cando sacou os peores resultados do PSdeG en nas eleccións autonómicas do 97; cando quixo aspirar no 98 a ser secretario xeral do PSOE en Galicia e tivo que retirar a súa candidatura ao non contar cos apoios suficientes; e cando nas súas dúas primeiras eleccións municipais, sendo candidato á Alcaldía, perdeu contra o PP con peores resultados que os seus antecesores. 
 
Así mesmo, o mandatario popular indicou que trala súa primeira vitoria en maio do pasado ano, Caballero non entendeu os resultados como o respaldo da cidadanía e comezou un exercicio de “soberbia política sen precedentes”. Nesta liña, apuntou que o alcalde “corre o perigo de morrer politicamente de éxito”.
 
E é que, segundo indicou Tellado, quixo elixirse en conciencia moral como o líder de facto do PSdeG facendo nunha xira por Galicia; pretendeu apadriñar a un candidato ás primarias socialistas, converténdose  nun auténtico lastre para Méndez Romeu; ou quere encarnar unha estratexia de hexemonía socialista, desprezando aos seus socios da esquerda e esquecéndose que cando el mesmo se presentou ás autonómicas ía en coalición con EU. 
 
“Exerce a política dende a soberbia sen facer autocrítica”, dixo ao tempo que salientaba que, pese a que Caballero cuestiona todos os días a actuación das Mareas en Ferrol, Santiago e A Coruña, non repara en que estas formacións gobernan grazas ao apoio do seu propio partido.
 
Tellado tamén apuntou que a política debe exercerse dende a humildade e que o alcalde de Vigo está na posición contraria. “Vigo é moito máis que Caballero, hai moitos vigueses que non se senten representados polo seu goberno e merecen un respecto”, engadiu.
 
Nese senso, aseverou que o alcalde converteu a súa vitoria electoral nunha derrota para a cidade, xa que a súa xestión non é beneficio dos cidadáns. “Leva dende maio do ano pasado subido nunha nube pero non se da conta de que esa nube xa se evaporou e que agora mesmo xa está en caída libre. Caballero tocou teito e agora só lle queda seguir baixando”, sentenciou.
 

Síguenos nas redes sociais