Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy afirma que Galicia "está blindada contra novos recortes porque hai marxe"

23 Mai 2016

Sobre o aniversario dos novos gobernos locais, o portavoz popular dixo que “onde hai estabilidade e un goberno que ten apoios e capacidade de tomar iniciativas as cousas van mellor



PEDRO PUY AFIRMA QUE GALICIA “ESTÁ BLINDADA ESTE ANO CONTRA A EXISTENCIA DE NOVOS RECORTES PORQUE HAI MARXE” AO TER CUMPRIDO O DÉFICIT NOS ÚLTIMOS ANOS



·    Respecto do Pleno desta semana, explicou que “levamos iniciativas de desenvolvemento económico e propostas e debates sobre actuacións futuras no ámbito da protección social de quen máis o precisa como consecuencia da crise”



·    “Chama a atención que o PSOE só entenda a posibilidade de pactar nunha única dirección e cun único obxectivo, atándose de mans e pes e entregándose a unha única alternativa que lle esixe un prezo que non pode pagar”, dixo



Santiago, 23 de maio de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “a Comunidade galega está blindada este ano contra a existencia de novos recortes porque hai marxe” logo de ter cumprido o obxectivo de déficit nos últimos anos. Respecto do primeiro aniversario dos novos gobernos municipais, Puy manifestou que “as improvisacións e as minorías que se creen con capacidade de gobernar como se tivesen maioría están a dar peores resultados que os gobernos que se basean nunha maioría estable e cun programa de goberno que poden aprobar e levar á práctica”.



Na comparecencia ante os medios de comunicación logo da reunión do Grupo Parlamentario para preparar o Pleno desta semana, Pedro Puy salientou que “levamos iniciativas de desenvolvemento económico e propostas e debates sobre actuacións futuras no ámbito da protección social de quen máis o precisa como consecuencia da crise”.



Dentro do ámbito económico, o portavoz popular destacou a comparecencia da conselleira do Mar e a proposición non de lei do Grupo Popular sobre o futuro do sector pesqueiro, así como a proposición non de lei sobre a autovía do Morrazo para que no presente ano estean en execución os dous primeiros tramos, así como a licitación do terceiro.



No ámbito social, Puy destacou a comparecencia do conselleiro de Política Social. “A maior marxe de endebedamento da Xunta como consecuencia de ter cumprido o criterio do déficit público en anos anteriores permite agora, por enriba dos recursos que o sistema aporta a Galicia e que implican un incremento do gasto, realizar investimentos e actuacións nos campos das políticas sociais, educativas ou sanitarias”, apuntou.



TRANQUILOS ANTE OS RECORTES



Cuestionado sobre a posibilidade de que sexan necesarios novos recortes, Pedro Puy sinalou que en Galicia “estamos tranquilos porque temos cumprido o déficit estes últimos anos e parece que non se vai chegar ao nivel do 0,7 por cento autorizado este ano para o conxunto das comunidades autónomas”.



O portavoz popular tomou como referencia o último informe da Autoridade Fiscal Independente (AiREF) para afirmar que “o previsible é que en Galicia non haxa recortes, senón que, como se está a comprobar coas últimas medidas aprobadas polo Goberno galego, temos maior capacidade para facer investimento e para contribuír á recuperación social de quen máis o precisa tras a crise”.



A nivel nacional, Puy lembrou que o Goberno de Rajoy “fixo un esforzo por combinar equilibradamente a necesidade de reducir un déficit público, xerado con gastos moitas veces dificilmente xustificables desde o punto de vista da recuperación económica, cunha recuperación da economía, acadando unha taxa de crecemento superior ao 3 por cento que permite xerar emprego e recuperar ingresos”.



“A posición do Goberno central alónxase dos maximalismos do cumprimento estrito do déficit, que tería malas consecuencias para  a recuperación económica do país, pero evidencia un compromiso para reducir ese déficit, que xa pasou do 11 a pouco máis do 4 por cento”, sinalou.



ONDE HAI ESTABILIDADE AS COUSAS VAN MELLOR



A preguntas dos xornalistas sobre o primeiro aniversario dos novos gobernos municipais, Pedro Puy indicou que “a sensación é que onde hai estabilidade e un goberno que ten apoios e capacidade de tomar iniciativas as cousas van mellor, tanto en termos de aprobación dos orzamentos como nas políticas do día a día”.



O portavoz popular anotou que o PSOE “debe tomar en consideración o que está a ocorrer alí onde se entrega, antes incluso de coñecer os resultados electorais, a unhas coalicións de goberno que moitos dos seus membros non consideran as máis eficaces para gobernar”.



“Chama a atención que o PSOE só entenda a posibilidade de pactar nunha única dirección e cun único obxectivo, cando esta situación xa lle resta posibilidades de negociación, atándose de mans e pes e entregándose a unha única alternativa que lle esixe un prezo que non pode pagar”, dixo.

 

Síguenos nas redes sociais