Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy asegura que Plan Estratéxico "blinda o gasto social e inicia senda de crecemento"

10 Mai 2016


PEDRO PUY ASEGURA QUE O PLAN ESTRATÉXICO “BLINDA O GASTO SOCIAL SEN SUBIR IMPOSTOS, INICIA A SENDA DE CRECEMENTO E REDUCIÓN DA DÉBEDA, E MANTÉN A SOLVENCIA DE GALICIA”



·    “É un dos instrumentos de control da acción pública máis interesantes dos que se dispoñen nun estado moderno”, asegurou



Santiago, 10 de maio de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe no Parlamento que o Plan Estratéxico para a economía galega 2015-2020 “blinda o gasto social sen subir os impostos, inicia unha senda de crecemento e redución do endebedamento, e mantén a solvencia da comunidade galega”. Puy destacou que o proceso de elaboración deste documento “foi o máis participativo que houbo en Galicia”, e recolle aportacións tanto da sociedade civil, os concellos, as universidades, os axentes sociais e dos grupos parlamentarios a través das propostas de resolución que se debaterán na sesión plenaria de mañá.



Pedro Puy explicou que o Plan Estratéxico “pretende mobilizar os recursos de forma non conxuntural, senón ao longo prazo, inxerindo á economía galega eficazmente no que é a Unión Europea e unha economía que tende á globalización, evitando a dispersión de esforzos”.



CERTIDUME AOS AXENTES ECONÓMICOS



“Estamos cunha planificación que serve para coordinar as actividades da administración; tomar o futuro en consideración; racionalizar as decisións en función dos medios e das competencias; controlar a actividade da organización, tanto cando actúa e polos resultados que pretende acadar no futuro; e aporta información e certidume aos axentes económicos, o que é bo para fomentar e potenciar o crecemento económico”, sinalou.



Ademais, o portavoz popular manifestou que se trata dun “documento vivo, que se vai renovando e modificando porque permite transparentar a acción política”. “É un dos instrumentos de control da acción pública máis interesantes dos que se dispoñen nun estado moderno”, asegurou.



Puy apuntou que o Goberno galego “trae este plan porque é coherente co que está a facer: está coordinado, pensa no futuro, as decisións que se adoptan son racionais e axustadas aos medios e as competencias que ten a administración, leva anos aprobando normas de control do público e porque nos gusta dar certidume aos axentes económicos”.



OPTIMISTAS PARA O CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS



Na súa intervención, afirmou que os obxectivos do Plan Estratéxico “están enumerados e a situación actual permite ser optimistas” para o seu cumprimento. En concreto, sinalou que o plan sitúa un crecemento medio do PIB do 2,5 por cento para o período 2015-2020; a creación de máis de 100.000 empregos e reducir ao 10 por cento a taxa de paro; duplicar o gasto en I+D+I e elevar as exportacións; ou rebaixar a taxa de abandono escolar.



“O Plan Estratéxico ten soporte físico, tres tomos con máis de 700 páxinas, integrado a través de catro eixos de actuación que afectan a toda a acción administrativa: emprego e crecemento intelixente; benestar e cohesión social; crecemento sostible; e sociedade dixital e cultura; ademais dun quinto eixo transversal que é a modernización da administración”, explicou Puy.



Ademais, engadiu que “todo isto se desenvolve en 74 obxectivos estratéxicos e 21 obxectivos instrumentais para dar un impulso ao crecemento económico, partindo dun modelo que se basea na innovación e no capital humano para conseguir unha Galicia cohesionada social e territorialmente na que se siga creando emprego”.

Síguenos nas redes sociais