Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Solvencia, estabilidade e blindaxe dos servizos públicos, eixos de actuación do PPdeG

07 Mai 2016

Os populares presentan “A Galicia de hoxe: o camiño percorrido”, un balance do traballo realizado dende que entraron no Goberno galego en 2009

Solvencia, estabilidade e blindaxe dos servizos públicos, eixos de actuación do PPdeG dende a Xunta de Galicia

· Os últimos datos dispoñibles din que o paro rexistrado no último ano reduciuse en máis de 20.000 persoas, cun PIB que medra ao 3,2% e a un ritmo case inédito

· Dende o 2016, estaremos entre as CCAA coa tributación máis baixa no IRPF e no Imposto sobre Sucesións

Ourense, 7 de maio de 2016.- O PPdeG foi quen de garantir coa súa xestión a solvencia e a estabilidade para Galicia blindando os servizos públicos esenciais e consolidando o crecemento. Así se pode comprobar no manifesto “A Galicia de hoxe: o camiño percorrido”, que os populares presentaron hoxe para facer balance sobre a situación actual e sobre todo o traballo realizado dende que o partido chegou á Xunta en 2009.

A blindaxe e o avance do gasto social teñen sido a folla de ruta do Goberno do PPdeG co obxectivo de por en marcha os mecanismos necesarios para saír da peor crise económica dos últimos anos e sen que iso levase parello ningún recorte nos servizos públicos esenciais: a sanidade, a educación e o benestar.

Cómpre salientar que a sanidade na nosa comunidade é pública, sostible e garantida a pesar das dificultades económicas. Así mesmo, contamos cun sistema sanitario con mellores resultados para a nosa cidadanía e cumpriuse co obxectivo de melloralo con mediadas como o desenvolvendo en toda Galicia da Xestión Integrada, dispoñendo dunha historia clínica electrónica e unha receita electrónica que son unha referencia ou incrementándose a actividade cirúrxica do Sergas.

Ademais, modernizáronse as instalacións: equipáronse e puxéronse en funcionamento os novos hospitais de Lugo e Vigo, continuouse co Plan Director do Complexo Hospitalario de A Coruña, iniciouse a ampliación do Hospital do Salnés e do Hospital de Ourense, actuouse en 36 centros de saúde, con outros nove en construción, e máis en proxecto. Deste xeito, en 2016 serán sete de cada dez galegos os que contarán na súa área de influencia cun centro sanitario novo ou renovado.

Xa no referente a educación, as políticas levadas a cabo polo PPdeG ao longo destes sete anos neste eido supuxeron unha auténtica transformación do ensino en Galicia. E é que o Goberno de Feijóo ten apostado claramente e a todos os niveis pola educación de calidade, como un servizo público fundamental na Comunidade Autónoma. Máis tecnoloxía nas aulas, máis centros plurilingües, taxas universitarias máis baratas de España e novos equipamentos educativos son exemplos do interese do PPdeG por protexer e mellorar o sistema educativo.

Á VANGARDA EN BENESTAR SOCIAL

Por outra banda, en canto ao benestar social, hoxe podemos dicir que Galicia é unhas as mellores rexións para vivir, con máis e mellores servizos públicos, onde a loita contra a pobreza e a desigualdade social é un dos obxectivos prioritarios. Nese senso, cómpre destacar que agora as políticas sociais contan cun 12% máis de orzamento que no ano 2015.

A este incremento orzamentario cómpre sumar as medidas incluídas no Plan Social Contra a Desigualdade Económica orientadas a outros colectivos vulnerables. Ademais, impulsáronse novas iniciativas de fomento da natalidade ata converter Galicia na comunidade con máis axudas neste senso e avanzouse no eido da conciliación da vida laboral e familiar para facilitar a aqueles que teñan decidido ser pais ou nais.

Así mesmo, tamén se incrementaron as prazas de maiores e persoas con discapacidade, aprobouse a Lei de Accesibilidade e somos a primeira Comunidade que conta cunha carteira específica para este colectivo.

A mellora que se produciu na nosa economía permitiu que o Goberno galego se centrara na consolidación do crecemento. Precisamente os datos do ano 2015 amosan esa tendencia, un ano no que Galicia creceu a un ritmo do 3,2% do PIB, o mellor dato dende o ano 2007.

Así mesmo, a nosa comunidade cumpriu o obxectivo de déficit, sendo ademais a que máis o ten reducido en 2015. E é que dende 2013, Galicia á a segunda autonomía con menos déficit acumulado e, grazas á xestión da Xunta, evitou ter 3.000 millóns de euros máis de débeda.

Precisamente pola mellora de ingresos, púidose levar a cabo a maior rebaixa fiscal da historia de Galicia e, dende o 2016, estaremos entre as comunidades coa tributación máis baixa no IRPF e no Imposto sobre Sucesións. Unha estratexia que ademais se completou cunha política de imposto cero no rural.

Así mesmo, os últimos datos dispoñibles din que o paro rexistrado no último ano reduciuse en máis de 20.000 persoas. E é que en Galicia o paro rexistrado é menor que en 2015, pero tamén menor que todos os anos anteriores, incluído 2010.

POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO

Neste cambio no mercado laboral ten moito que ver ter sido capaces de acometer as reformas necesarias para axudar ás empresas cando estaban en dificultades e, ao mesmo tempo, seguir apostado pola modernización dos sectores produtivos para mellorar a súa competitividade. Así, foi fundamental seguir desenvolvendo políticas activas de emprego co obxectivo de ofrecer ás persoas sen traballo máis e mellores ferramentas para mellorar a súa empregabilidade.

Precisamente neste contexto, a Xunta vén de aprobar a Axenda 20 para o emprego que, con 900 millóns de euros, pretende impulsar o emprego estable e de calidade para o novo modelo produtivo de Galicia, baseado no crecemento e no coñecemento.

Por outra banda, o Goberno do PPdeG tivo moi presente que para minimizar os efectos da crise e para preparar a nosa comunidade para sacar vantaxes da situación era necesario levar a cabo proxectos centrados no apoio aos sectores estratéxicos da nosa economía.

Nestes anos, non só se tomaron medidas de impulso económico senón que se apostou polo impulso territorial a través de accións centradas en garantir un crecemento sostible a medio e longo prazo. Así, a Xunta empeñouse en facer de Galicia un territorio mellor vertebrado e protexido.

Neste sentido, Galicia pasou de 313 a 520 quilómetros de autoestradas, autovías e vías rápidas en servizo ao final desta Lexislatura, con eixos que vertebran a Comunidade, melloran a calidade de vida e incrementan a seguridade.

Tamén se deu o impulso definitivo ao transporte metropolitano con plans en marcha na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo e o de Ourense moi avanzado, o que se traduce en 42 millóns de viaxes subvencionadas, beneficiando a 65 concellos. É dicir, un millón e medio de galegos e galegas xa se benefician de descontos.

Debemos sumar a estas medidas as encamiñadas a impulsar a vertebración tecnolóxica de Galicia como a aprobación do Plan de Banda Larga 2020 que permitirá cobertura de ao menos 30 megas para toda a poboación e de máis de 100 megas para núcleos de máis de 500 habitantes, incrementando así a calidade da conexión a Internet.

Xa para facer da comunidade un territorio máis protexido, salienta a aprobación dunha nova lei do Solo, realizouse o maior investimento da historia da Comunidade destinando máis de 1.000 millóns de euros a actuacións de saneamento, depuración e abastecemento; e deuse luz verde ao Plan Director da Rede Natura 2000, co que Galicia se situou á cabeza no cumprimento da directiva de hábitats.

Durante esta etapa deuse tamén cumprimento ao Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que recuperou o equilibrio entre o galego e o castelán ao tempo que introduciu o inglés.

A Galicia de hoxe atópase ás portas dunha decisión transcendental, na que os galegos terán que elixir entre optar por aventuras que camiñan cara á inestabilidade, o retroceso e a falta de iniciativas ou seguir camiñando pola senda das oportunidades que só veñen da man do Partido Popular de Galicia.

Síguenos nas redes sociais