Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Jesús Vázquez presidirá o XVI Congreso autonómico do PPdeG

06 Mai 2016

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2016.- O presidente do PP de Ourense e alcalde da cidade, Jesús Vázquez, será o presidente do XVI Congreso autonómico do partido. A decisión, proposta pola Comisión Organizadora do evento, foi comunicada hoxe polo seu presidente, Miguel Tellado, quen destacou a idoneidade da persoa escollida.

O tamén voceiro do partido avanzou que será un Congreso participativo no que está volcado o partido a nivel nacional. De feito, a secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, participará na clausura do mesmo na mañá do domingo. Pola súa parte, os vicesecretarios de Organización, Fernando Martínez Maíllo, e de Estudos e Programas, Andrea Levy,  farano mañá xunto ao secretario xeral, Alfonso Rueda, nunha visita ás instalacións que terá lugar antes da propia inauguración do Congreso.

Máis alá da estrutura nacional do partido, tamén dende outras autonomías queren arroupar a Alberto Núñez Feijóo neste evento. Así, Juan Vicente Herrera, presidente da Junta de Castilla y León, precederá na tarde de mañá ao propio Feijóo no uso da palabra. Ademais, Juanma Moreno, presidente do PP andaluz, intervirá o domingo, antes das votacións.

Así mesmo, Tellado informou que tamén asitirá ao conclave dos populares o presidente do distrito de Oporto, Virgílio Macedo, en representación do PSD portugués. 

Á asistencia de todos estes dirixentes súmase, por suposto, á do presidente do PP, Mariano Rajoy, que tamén quixo acompañar a Feijóo no marco do Congreso e así o fará hoxe no propio recinto no que se celebrará o mesmo. E é que precisamente esta tarde Rajoy participa xunto ao presidente do PPdeG nun coloquio coas NNXX do partido. Ademais, terá a oportunidade de avalar a Feijóo de forma expresa de cara ao Congreso de mañá, no que tamén terán protagonismo os presidentes provinciais e o presidente de NNXX, Diego Gago.

O portavoz dos populares galegos tamén informou de que na tarde de mañá presentaranse os manifestos coordinados por Ánxeles Vázquez e María Ramallo:  “A Galicia de hoxe: o camiño percorrido”, un balance do traballo realizado polos populares dende que chegaron á Xunta en 2009; e “A Galicia do futuro: o camiño por percorrer”, un documento que establece as propostas e liñas de actuación do partido de cara ao 2020.  

Xa o domingo, tralas votacións e uns intres antes da proclamación de resultados, Alfonso Rueda presentará o informe de xestión da candidatura saínte, na que será a súa última intervención como secretario xeral. Así mesmo, Tellado valorou a traxectoria de Rueda e dixo que deixa un listón moi alto para a persoa que ocupe a secretaría xeral despois do domingo.

Na súa comparecencia en rolda de prensa, o voceiro aproveitou para anunciar que poñerán en marcha dúas aplicacións móbiles como mecanismo para que o PPdeG se poida comunicar cos seus afiliados e simpatizantes e para que estes saiban todo o que acontece durante o conclave. Para isto tamén contan cun equipo de voluntarios para redes sociais co obxectivo de que o Congreso non só o vivan os 2.000 compromisarios que estean presentes senón que sexa un acto participativo que todos os afiliados poidan seguir en directo.

Tamén no marco do conclave dos populares galegos, Tellado avanzou que haberá unha exposición fotográfica dos últimos dez anos de historia do PPdeG, un periodo marcado polo liderado de Alberto Núñez Feijóo. 

CONTRATO PARA NAVANTIA

O portavoz do PPdeG celebrou a noticia publicada esta mañá sobre o peche do contrato entre Navantia coa Armada de Australia para a construción de dous buques de aprovisionamento e combate nos estaleiros de Ferrol. Trátase do maior contrato deste estaleiro nos últimos nove anos. 
“É unha magnifica noticia para Navantia, para o sector naval, para Galicia e para a comarca de Ferrolterra”, aseguraba o voceiro.

Nesta liña, tamén recordou que dende o ano 2009 os populares trasladaron a súa profunda preocupación por este sector e, proba disto, é o empeño manifestado dende a Xunta para conseguir pedidos e contratos. Como exemplo, Tellado falou do flotel de Pemex que este verán se entregará á petroleira mexicana -tanto o fabricado no estaleiro de Vigo como o construído no estaleiro de Ferrol-. “Este é o resultado de moitos anos de traballo, felicitamos a todo o equipo de Navantia”, concluíu o voceiro.

Síguenos nas redes sociais