Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que conxelar as taxas universitarias suporá un aforro de 25M€ ás familias

28 Abr 2016
Santiago, 28 de abril de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe na rolda de prensa do Consello que conxelar as taxas universitarias por cuarto ano consecutivo permitirá ás familias con fillos na universidade un aforro de 25 millóns de euros. Polo tanto, “Galicia é a comunidade coas taxas universitarias máis reducidas de España nos últimos anos e Galicia seguirá sendo a comunidade onde sexa máis fácil estudar nas universidades tamén no vindeiro curso 2016-2017”, asegurou.
 
Máis polo miúdo, precisou que, no caso dos graos universitarios, o prezo medio, por exemplo, das primeiras matrículas de grao –que representan preto dun 83% do total- mantense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España fronte aos 33,52 euros de media doutras comunidades como Cataluña. “É dicir, o prezo medio das matrículas de grao é tres veces máis barato en Galicia que na media do resto das comunidades autónomas”, indicou o presidente. E no caso dos máster, os prezos son os máis baixos, cunha media de 26,49 euros fronte aos 65,87 euros/crédito de Cataluña ou os case 40 euros/crédito da media nacional. Por tanto, “máis ou menos, o grao é a metade máis barato en Galicia que no resto de España”, matizou.
 
Nesta liña, sinalou que no próximo curso as familias galegas volverán a aforrar 25 millóns de euros nas taxas e matrículas dos seus fillos. Sobre este aspecto, explicou que o aforro medio por familia será de case 400 euros ao ano, no caso de fillos estudantes de grao. Ese aforro chega aos 760 euros ao ano para unha familia cun fillo estudante de máster.
 
Desde unha perspectiva máis global, explicou que, tendo en conta os catro anos de duración dos graos, as familias galegas aforran uns 1.550 euros durante toda a traxectoria universitaria dos seus fillos; é dicir, o aforro total do conxunto das familias para toda Galicia durante eses catro anos elévase a 85,6 millóns de euros.
 
Por tanto, baixo o punto de vista do mandatario, isto é positivo para os estudantes, pola súa formación, xa que son os traballadores do futuro; para as súas familias, para que non haxa ningunha que teña dificultades para mandar os seus fillos á universidade; e tamén para Galicia, que contará con xente formada.
 
Galicia, a comunidade coas taxas máis baixas outro ano máis
Feijóo explicou que a proposta de conxelar un curso máis as matrículas de grao, tanto nas primeiras como nas sucesivas matrículas e nos máster, será transmitida ao Consello Galego de Universidades. É dicir, que os máis de 61.000 alumnos que van iniciar unha carreira ou a continuar os seus estudos universitarios o próximo curso 2016-2017, non terán que pagar nun euro máis respecto a este que está a piques de rematar.
 
Con esta medida, o presidente reiterou que Galicia volverá a ser un ano máis a comunidade autónoma coas taxas máis baratas e, do mesmo xeito, tamén se convocarán un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos, dirixida a aqueles que non cumpriran os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio.
 
Neste punto, destacou tamén que se seguirá mantendo a convocatoria das axudas dirixidas a cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á continuación de estudos universitarios. E convocarase como cada ano a liña específica de axudas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego.
 
“En definitiva, seguimos co compromiso inequívoco co sistema universitario de Galicia, é dicir, cos galegos que están empezando ou que van a continuar cos seus estudos universitarios”, sinalou. “Seguimos blindando unha Galicia coas taxas universitarias máis baixas do Estado”.
 
“Para isto é para o que vale cumprir co déficit público”, sinalou, “para isto é para o que vale manter unhas contas saneadas: poder baixar os prezos públicos por octavo ano consecutivo e poder manter as universidades galegas como as universidades máis accesibles do país”, engadiu.

Síguenos nas redes sociais