Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a posta en marcha dun plan galego de atención ao ictus

27 Abr 2016

O Grupo Popular conseguiu o apoio do Grupo Socialista á iniciativa logo de aceptar a súa emenda



O PARLAMENTO APROBA INSTAR Á XUNTA A POÑER EN MARCHA NO PRESENTE ANO UN PLAN GALEGO DE ATENCIÓN AO ICTUS



·    Esta iniciativa prevé ofrecer unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade e no menor tempo posible a todas as persoas residentes en Galicia




Santiago, 27 de abril de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha durante o presente ano un Plan galego de atención ao ictus que homoxeneice a atención nos casos dun accidente cerebrovascular (ACV) ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren ictus, no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega, creando as unidades de ictus que se precisen.



O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou que o ictus “é un problema de saúde pública de primeira magnitude”, aínda que apuntou que se trata “dunha emerxencia médica tratable”. “Os extraordinarios avances acadados na coordinación das urxencias extrahospitalarias en Galicia, coa creación do servizo do 061 e dos Puntos de Atención Continuada, cunha dotación de persoal cada vez máis experto e de dotación material importante, teñen sido peza clave para o acceso do paciente á posibilidades de diagnóstico e tratamento impensables non hai moitos anos”, sinalou.



Na súa intervención, o portavoz popular concretou que arredor de 120.000 persoas sofren un ictus cada ano en España, consumíndose nesta enfermidade arredor do 4 por cento do gasto sanitario nacional. Ademais, o ictus é a segunda causa de morte a nivel global e tamén a primeira causa de dependencia en adulto, calculándose que un 44 por cento dos que sobreviven quedan con algún grao de dependencia funcional.



INCREMENTO DA INCIDENCIA NO FUTURO



Núñez Centeno engadiu que “se prevé un aumento da incidencia e prevalencia do ictus nos vindeiros anos, como consecuencia do crecemento dos nosos maiores e tendo en conta que tres de cada catro casos danse en maiores de 65 anos”. “Pero é necesario lembrar que o ictus pode aparecer en calquera idade, cun 10 por cento de casos en menores de 55 anos, incrementándose nas últimas datas a frecuencia dos mesmos en persoas mozas”, sinalou.



“Cómpre, por tanto, establecer un programa que permita garantir un sistema de selección e traslado urxente destes pacientes”, manifestou o portavoz popular, quen engadiu que “o plan permitirá homoxeneizar a atención nos casos dun accidente cerebrovascular, ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren un ictus, no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega”.

Síguenos nas redes sociais