Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Galicia,primeira comunidade española en contar cunha Lei de Economía Social

26 Abr 2016

O Parlamento galego aprobou esta mañá este texto lexislativo



GALICIA, PRIMEIRA COMUNIDADE ESPAÑOLA EN CONTAR CUNHA LEI DE ECONOMÍA SOCIAL

·    “Falamos de entidades que proporcionan empregos estables e de calidade, asegura a vinculación e permanencia no territorio e teñen demostrado ser máis resistentes á crise que as empresas baseadas na propiedade do capital”, asegurou Maite Cancelo





Santiago, 26 de abril de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de Economía Social, que sitúa a Galicia como a primeira comunidade autónoma en contar cunha normativa nesta materia. “Falamos de entidades que proporcionan empregos estables e de calidade, asegura a vinculación e permanencia no territorio e teñen demostrado ser máis resistentes á crise que as empresas baseadas na propiedade do capital”, asegurou a deputada do Grupo Popular Maite Cancelo.



Na súa intervención, Cancelo sinalou que se trata dunha lei que incorpora importantes novidades, como a ampliación de entidades no catálogo (as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común); a incorporación no Consello de Economía Social de representantes de entidades que xa traballan na promoción das mesmas, como a Fegamp ou as universidades; inclúe a economía social nos plans de estudos regrados; fai que estas entidades poidan opinar sobre as políticas activas de emprego e sobre os plans que dinamizarán ao sector; crea a figura da cooperativa xuvenil, con menores requisitos de capital para a súa constitución e menores trámites administrativos; simplifica os trámites para a constitución de calquera cooperativa, a través da realización de notificación rexistral por medios telemáticos; e incorpora as cláusulas sociais na contratación pública.



“Esta lei baséase na aprobada en España no ano 2011 e segue as recomendacións europeas establecidas a partir do informe do Consello Social Europeo, no que se sinala que, a pesar da importancia da economía social en Europa, que representa o 10 por cento do conxunto das empresas e o 6 por cento do emprego total, hai unha elevada invisibilidade institucional, polo que é necesario un recoñecemento no seu concepto na lexislación e nas políticas”, manifestou.



VALORIZAR AS ENTIDADES



Maite Cancelo concretou que “o espírito desta nova lei é valorizar as entidades de economía social, facer ver a súas achegas á sociedade, ao territorio e, sobre todo, en ámbitos como o do mar, o agrario ou laboral”. Así, engadiu que outorga “un trato diferenciado a este sector, contribuíndo á súa visibilidade e coñecemento, dotándoo dun marco xurídico común e que deixa a salvo as peculiaridades da regulación propia de cada unha das categorías de entidades que o compoñen”.



A deputada popular referiuse ao posterior desenvolvemento desta nova lei e destacou “a obrigatoriedade de que o Goberno galego, no prazo máximo de seis meses, aprobe un plan de impulso para estas entidades, plan que deberá ser debatido no Consello Galego de Economía Social e no que, por tanto, tomará partido directamente o sector”.



Respecto do Consello Galego de Economía Social, Cancelo apuntou que “vai contar cunha representatividade ampla dos distintos sectores da sociedade, pero sobre todo das entidades que conforman a economía social”. Así, dixo que este órgano “recoñece e da voz a toda a diversidade de entidades, aumenta as posibilidades de colaboración non institucional e terá un importante papel no deseño das políticas que desde o Goberno galego se establezan para fomentar este tipo de entidades e darlles apoio financeiro”. 

Síguenos nas redes sociais