Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Nova Lei Patrimonio Cultural aumenta protección,seguridade e difusión bens culturais

26 Abr 2016


O PARLAMENTO APROBA A LEI DO PATRIMONIO CULTURAL, EIXO FUNDAMENTAL DA POLÍTICA DE CONSERVACIÓN, SENSIBILIZACIÓN E POSTA EN VALOR DOS BENS CULTURAIS GALEGOS



·    A nova lei recoñece o Camiño de Inverno e, logo dunha transacción do Grupo Popular co Grupo Socialista, a Ruta polo Mar de Arousa e o río Ulla



·    O portavoz de Cultura sinalou que a nova normativa supón “unha simplificación a nivel lexislativo, administrativo e de organización”



Santiago, 26 de abril de 2016.- O Parlamento galego aprobou esta mañá a nova Lei do Patrimonio Cultural, que se constitúe no eixo fundamental de toda a política de conservación, sensibilización e posta en valor dos bens culturais galegos. “Alumea un novo marco lexislativo que da resposta aos problemas actuais do patrimonio, protexe un maior número de elementos, establece un maior nivel de seguridade e asegura a difusión da importancia cultural do patrimonio”, afirmou o portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde.



O portavoz popular lembrou que a nova Lei do patrimonio cultural supón “unha simplificación a nivel lexislativo, administrativo e de organización, coa incorporación de melloras normativas e lexislativas, así como de instrumentos de planificación para axilizar a xestión, dar mellor seguridade ás persoas e ao patrimonio e simplificar os trámites administrativos”.



“Trátase dunha lei necesaria, expresión da realidade social no momento que debe ser aplicada e que atende unha demanda social para realizar esta modificación lexislativa, como o poñen de manifesto as declaracións de organizacións e a masiva aportación da representación social no proceso de participación pública”, indicou.



Baamonde explicou que esta nova lei Incorpora as novas tendencias en relación ao concepto de patrimonio. “Non pon o patrimonio baixo a economía do mercado, senón que pon de manifesto o incremento de valor que supón a salvagarda do patrimonio”, dixo.



MÁIS SEGURIDADE E AXILIZAR A XESTIÓN



Na súa intervención, Agustín Baamonde referiuse ao establecemento dos instrumentos necesarios para dar máis seguridade aos bens patrimoniais e á cidadanía, así como para axilizar a xestión. En concreto, sinalou que se reducen as categorías ou tipoloxías de bens, pasando dos tres tipos anteriores a dous: bens de interese cultural (BIC) e bens catalogados. Ao mesmo tempo, regúlanse o rexistro de bens de interese cultural e o catálogo de bens culturais, e créase o censo de bens culturais como unha ferramenta para a salvagarda do patrimonio e dar a coñecer a existencia de bens que non teñen protección pero que a precisan.



“Esta nova lei en ningún caso representa un nivel de protección inferior ao existente, dado que avanza na identificación dos bens, na súa tipoloxía e delimita os tipos de intervención”, sinalou Baamonde.



O portavoz popular salientou que o novo texto lexislativo plantexa unha reorganización administrativa baseada no incremento da participación das entidades locais. “Habilítase legalmente aos concellos para que poidan autorizar intervencións en determinados casos e determinados bens, o que non deriva as competencias cara aos concellos, senón que os fai partícipes na protección dos bens”, explicou.



Respecto dos Camiños de Santiago, Agustín Baamonde salientou que se recoñece o Camiño de Inverno e, logo dunha transacción realizada co Grupo Socialista, tamén se inclúe a ruta da traslatio polo Mar de Arousa e o río Ulla. 

Síguenos nas redes sociais