Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy demanda á oposición "rigor e seriedade" sobre tratamento enfermos hepatite C

25 Abr 2016


PEDRO PUY DEMANDA Á OPOSICIÓN “RIGOR E SERIEDADE” Á HORA DE FALAR SOBRE O TRATAMENTO DADO AOS ENFERMOS DE HEPATITE C



·    “É a primeira vez que se están utilizando algunhas desgraciadas mortes que se producen por causa dunha enfermidade grave para cuestionar non só o posible fallo no sistema sanitario, senón ás políticas que a Xunta puxo enriba da mesa”, sinalou



·    O Grupo Popular defenderá no Pleno o impulso dun plan estratéxico da conserva e o establecemento dun plan galego de atención ao enfermos por causa dun ictus



Santiago, 25 de abril de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou aos grupos da oposición “rigor e seriedade” á hora de falar sobre o tratamento dado aos enfermos de hepatite C en Galicia, polo que avogou porque o debate parlamentario “transcorra no sentido de que o Goberno dea as explicacións oportunas e a oposición formule as súas dúbidas como estime conveniente pero nunca denigrando o sistema galego de saúde”.



Pedro Puy lembrou que “estamos a falar dunha enfermidade mortal, da que nos últimos tempos houbo a posibilidade de mellorar e erradicar o virus coa entrada nos mercados sanitarios de fármacos que permiten esta sanación”. “A Xunta ten actuado coa máxima responsabilidade atendendo a todos aqueles que, de acordo co criterio médico e antes de que entrara en funcionamento o Plan Estratéxico de loita contra a hepatite C, foron demandados polos profesionais sanitarios”, apuntou.



Porén, lamentou que “é a primeira vez que se están utilizando algunhas desgraciadas mortes que se producen por causa dunha enfermidade grave para cuestionar non só a existencia dun posible fallo que poida haber no funcionamento do sistema sanitario, senón ás políticas que a Xunta puxo enriba da mesa”. “Iso non é tolerable”, remarcou.



O portavoz popular manifestou que deste xeito “estase a sentar un precedente e unha dinámica desastroso na forma de facer política e a partir de agora a morte de persoas que están enfermas non servirá para analizar o sistema de saúde para mellorar ou detectar os posibles fallos, senón que serán utilizadas para atacar ao titular da Xunta ou da consellería”.



Puy reiterou que “estes temas hai que abordalos, respectando a actuación da Xustiza e coa comprensión de calquera tipo de reacción persoal dos afectados, pero o que demandamos dos representantes políticos é un pouco de seriedade nestas cuestións”.



APROBACIÓN DE DOUS PROXECTOS DE LEI



Na súa intervención, o portavoz popular engadiu que na sesión plenaria procederase ao debate para a súa aprobación dos proxectos de lei de patrimonio cultural e de economía social de Galicia, que se sumarán aos 45 textos lexislativos que xa se aprobaron ao longo da presente lexislatura.



Así mesmo, o Grupo Popular defenderá dúas proposicións non de lei. A primeira, para impulsar un plan estratéxico da conserva que consolide o liderado de Galicia nos mercados internacionais; e, a segunda, para establecer un Plan galego de atención aos enfermos por causa dun ictus, que homoxeneice a atención nos casos de accidente cerebrovascular, ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren un ictus no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega. 

Síguenos nas redes sociais