Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado di que nada indica que a situación da oposición vaia a ser mellor en outubro

24 Abr 2016

Ironiza co feito de que a cúpula de Podemos busque candidatos en Galicia e despois se esforce en vender que é a militancia a que decide

Miguel Tellado, sobre o adianto electoral: “A oposición está nunha situación delicada pero nada fai indicar que en outubro estará mellor”

• Pide a Abel Caballero que dea o paso e sexa o cabeza de cartel nas autonómicas, e lémbralle que da nefasta xestión das Mareas que con acerto critica é cómplice o seu partido

• Di que se un bipartito foi malo para Galicia un tripartito sería calamitoso e engade que o PSOE quixo imitar a Beiras e quedou como unha mala copia de Podemos

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2016.- O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou hoxe que Galicia merece ter un escenario electoral propio e o que compre é esgotar a Lexislatura. “Polo tanto, o normal sería que as eleccións se celebren no entorno do mes de outubro”. Nunha entrevista na Radio Galega, cuestionado acerca de se un adianto tería vantaxes partidistas para o PPdeG, Tellado dixo que “a oposición está nunha situación delicada pero nada nos fai pensar que en outubro non poidan estar peor. Nestes meses poden seguir acentuando o seu proceso de deterioro”.

O voceiro popular cre que o PSOE está “nunha guerra cainita na que non buscan un candidato senón un kamikaze que estea disposto a poñer cara ao cartel da gran derrota da historia dos socialistas galegos. Por iso, animamos a Abel Caballero a que sexa valente e dea o paso”.

Tellado cre que en Galicia “contamos coa estabilidade política e institucional que nos permite estar mellor que a media de España, e por iso baixa o paro un 8% nos últimos doce meses, medra o PIB e cumprimos co obxectivo de déficit”.

En todo caso, insistiu en que Feijóo utilizará a prerrogativa de convocar eleccións só pensando no interese de Galicia e non atendendo a criterios partidistas, pese a situación do resto de formacións políticas.

Preguntado acerca do Congreso dos populares galegos que terá lugar o 7 e 8 de maio, lembrou que “no ano 2006 enfrontámonos a un Congreso que foi histórico e no que naceu o liderado de Alberto Núñez Feijóo. Moitos dicían que o PPdeG non tiña futuro tras perder o Goberno en 2005. Pero ese proxecto que iniciamos segue plenamente vixente”. Ademais, engadiu que “este non é un congreso para mirarnos ao embigo senón que é para mirar ao horizonte 2020. A chave do éxito foi a renovación e por iso actualizaremos o equipo de dirección e as liñas estratéxicas de traballo”.

Tellado dixo que será Alberto Núñez Feijóo o que elixa ao seu equipo pero seguro que o fará “con responsabilidade e será o equipo que representará a maioría dos galegos. Iso será o que nos permitirá seguir a ser un partido con vocación de goberno que represente a maioría social de Galicia”.

O MAIOR INIMIGO DO PSOE, O PROPIO PSOE


Cuestionado acerca doutras formacións, dixo que “os socialistas están nunha situación complicada na que o inimigo do PSOE é o propio PSOE. A nós gustaríanos ter enfronte un líder e un proxecto sólido co que poder falar e non un partido á deriva”. Ademais, dixo que “é evidente que non houbo un proxecto que puidera ser quen de liderar a oposición e, ao final, quen a liderou foi Xosé Manuel Beiras sendo a terceira forza entón, e cuarta agora tralas escisións”.

“Ao PSOE desexámoslle que acerte. O seu principal erro foi facer seguidismo de Beiras e ser malos imitadores de Podemos. En vez de defender o que sempre defenderon houbo vergoña pola súa xestión en España e optaron por copiar ao partido de Pablo Iglesias”, dixo.

Preguntado acerca de quen será o gran rival do PPdeG nas autonómicas, dixo que será “un popurrí de partidos que deberán sumarse para evitar que o PPdeG non goberne se non somos quen de obter a maioría absoluta. Polo tanto será a suma da marca branca de Podemos, os restos do BNG e un PSOE nas súas horas máis baixas convertido en terceira forza xa”.

“A historia xa demostrou que esa non é a solución. Se un bipartito foi malo para Galicia un tripartito sería calamitoso. Temos o exemplo de España e fronte á estabilidade do PPdeG hai incertidume de partidos que só lles une o seu odio cara nós”, apuntou.

“Xa en Ferrol vemos o que é un goberno da Marea co PSOE. Desde o primeiro día todos son enfrontamentos e a cidade está parada. Iso é o que poder pasar en Galicia”, advertiu.

O DOBRE ERRO DE ABEL CABALLERO


Sobre a xira de Abel Caballero polos concellos de Galicia, Tellado dixo que “foi moi claro criticando os gobernos das Mareas. Os que non saben licitar un servizo de comedor para un colexio xa teñen demostrado as súas capacidades. En todo caso, o alcalde de Vigo esquece que esa marca branca de Podemos goberna en Ferrol e na Coruña grazas ao apoio do seu partido”.

Tellado engadiu que “é inapropiado que o diga como presidente da FEMP. Ten razón no que di pero facéndoo falla no seu papel institucional como representante de todos os alcaldes e falla porque o seu partido é cómplice desa pésima xestión”.

Sobre o papel de Beiras, dixo que crea unha cortina de fume para que as cámaras estean sobre el mentres Podemos busca alternativas lonxe da súa persoa. “A cúpula busca perfís pero despois pretenderán vender que é a militancia a que decide. Podemos, Anova e as Mareas son unha gran mentira porque falan de nova política pero actúan co peor da vella.

Cuestionado sobre a situación do Bloque, dixo que “o proxecto do BNG baséase na supervivencia política e en non desaparecer do Parlamento de Galicia”.

 

 

Síguenos nas redes sociais