Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Plan de Inclusión Dixital 2020 impulsará medidas para a alfabetización dixital

21 Abr 2016
O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, dotado con 7M€, impulsará medidas no ámbito da alfabetización e da capacitación dixital e da innovación social dixital e participativa
  • O vicepresidente da Xunta afirma que o acordo aprobado hoxe polo Consello pretende seguir mellorando as cifras de acceso a internet e seguir potenciando todas as posibilidades que ofrecen a Galicia as novas tecnoloxías
  • Asegura que, no eido da alfabetización dixital, o plan busca dotar a cidadanía de coñecementos dixitais básicos
  • Di que, no ámbito da capacitación dixital, o obxectivo do plan será apoiar a madurez dixital daqueles cidadáns que xa tiveron contacto coas TIC
  • En canto á innovación social dixital e participativa, subliña que se promoverá o potencial das TIC como motor da mellora da sociedade
  • Avanza que se tecerá unha rede de alianzas dixitais coas entidades locais e a Fegamp, os colexios profesionais, as universidades, empresas, entidades do terceiro sector e os voluntarios dixitais para impulsar estas medidas
  • Trátase de darlle un novo impulso a unha rede que servirá para que Xunta, concellos e cidadáns avancen conxuntamente nun obxectivo fundamental: seguir achegando as novas tecnoloxías aos galegos e seguir impulsando a utilización responsable das novas oportunidades para aqueles que xa estean máis familiarizados
 
Santiago, 21 de abril de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a aprobación, por parte do Consello, do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, dotado con 7 millóns de euros, que impulsará medias en tres eixos: no ámbito da alfabetización dixital, da capacitación dixital e da innovación social e participativa.
 
Segundo indicou Rueda, hai dous parámetros que ofrecen unha boa visión de conxunto sobre os avances no acceso universal ás tecnoloxías: a porcentaxe de galegos que non empregan nunca internet, que pasou dun 42% en 2010 a un 25,4% en 2016; e a porcentaxe de galegos que emprega internet habitualmente, que pasou dun 48% a un 67%.
 
Nesta liña, o vicepresidente da Xunta subliñou que o acordo aprobado hoxe o que pretende é seguir mellorando estas cifras de acceso e seguir potenciando todas as posibilidades que ofrecen a Galicia as novas tecnoloxías.
 
As medidas que contempla o Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020
Así, no eido da alfabetización dixital, o plan busca dotar a cidadanía de coñecementos dixitais básicos. Nesta liña vanse realizar, entre outras accións, xornadas sobre os riscos e o uso responsable de Internet; sesións demostradoras para achegar o uso de dispositivos móbiles aos maiores; xornadas intexeneracionais entre persoas maiores e novas; así como o reforzo e confianza da rede a través de sesións informativas a rapaces e rapazas.
 
No ámbito da capacitación dixital, o obxectivo do plan será apoiar a madurez dixital daqueles cidadáns que xa tiveron contacto coas TIC. Así, impartirase un programa formativo avanzado sobre usos cotiáns de Internet: banca electrónica, compra online, trámites coa Administración... E tamén se levarán a cabo accións formativas para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática, e a súa adaptación ás persoas con discapacidade.
 
Do mesmo xeito, contémplase o deseño e impartición de itinerarios formativos centrados na busca de emprego, elaboración do currículo, etc, así como a realización de xornadas temáticas sobre as oportunidades de emprego que ofrece o sector TIC e demanda de novos perfís e profesións da era dixital.
 
No que atinxe ao terceiro eixo, o da innovación social dixital e participativa, promoverase o potencial das TIC como motor da mellora da sociedade. Para avanzar neste sentido: fomentarase a adquisición das habilidades necesarias para participar activamente nos procesos de innovación social dixital e elaborarase un mapa de innovación social dixital co fin de dar a coñecer as iniciativas de innovación social baseadas nas TIC.
 
O obxectivo: achegar as novas tecnoloxías aos galegos
Nesta liña, o vicepresidente da Xunta indicou que se tecerá unha rede de alianzas dixitais coas entidades locais e a Fegamp, os colexios profesionais, as universidades, empresas, entidades do terceiro sector e os voluntarios dixitais para impulsar estas medidas.
 
En definitiva, trátase de darlle un novo impulso a unha rede que servirá para que Xunta, concellos e cidadáns avancen conxuntamente nun obxectivo fundamental: seguir achegando as novas tecnoloxías aos galegos e seguir impulsando a utilización responsable das novas oportunidades para aqueles que xa estean máis familiarizados.
 
Como destacou o vicepresidente da Xunta, trátase de fomentar as novas tecnoloxías e acadar que o acceso a Internet sexa equitativo e reducir a fenda dixital, de xeito que o lugar de residencia, a idade ou o nivel de estudos non supoñan un obstáculo.

Síguenos nas redes sociais