Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016.- O voceiro dos populares galegos, Miguel Tellado, presentou esta mañá o lema do XVI Congreso autonómico do PPdeG: “Galicia no centro”. Segundo explicou o portavoz, “esta é a mensaxe que queremos transmitir, que para o PPdeG Galicia é o importante, o noso compromiso, o noso reto diario e, por iso, temos elixido este lema para o noso Congreso”.
Tras presidir unha nova reunión da Comisión Organizadora do Congreso -que terá lugar os días 7 e 8 de maio na cidade de Ourense-, Tellado subliñou que o lema da continuidade ao utilizado nos conclaves provinciais, celebrados o pasado marzo, e na Ponencia política presentada en outubro do ano pasado, que tivo por nome “As persoas no centro”.
Así mesmo, o voceiro comunicou que xa ratificaron a única candidatura presentada para este proceso, a de Alberto Núñez Feijóo, e que tamén acreditaron que cumpría con todos os requisito establecidos no regulamento do conclave. Nesta liña, destacou o éxito da campaña interna que o candidato está a realizar, reuníndose en distintas cidades e vilas de toda Galicia con afiliados do partido co obxectivo de mobilizalos.
Por outra banda, o portavoz anunciou a intención do presidente do PP nacional, Mariano Rajoy, de estar presente e participar de forma activa no conclave, sen precisar aínda o momento concreto á espera de pechar o programa.
Tellado tamén informou que na tarde de hoxe reuniranse os equipos redactores dos dous manifestos que se presentarán no Congreso, “A Galicia de hoxe, o camiño percorrido” e “A Galicia do mañá, o camiño por percorrer”. Ambos servirán para facer balance, por un lado, do que se ten feito nestes 10 anos no PPdeG e nos últimos 7 anos á fronte do Goberno da Xunta; e para recoller os obxectivos de futuro, “o camiño que ten que percorrer Galicia para mirar ao horizonte do ano 2020”, engadiu o portavoz.
Ademais de indicar que nas próximas datas presentarán o programa e o horario do Congreso, o voceiro tamén asegurou que os populares teñen a intención de que o conclave sexa especialmente participativo e dinámico, dando especial protagonismo ás Novas Xeracións de Galicia e ás redes sociais. Así mesmo, Tellado apuntou que están chamados a participar nesta cita en torno a 2.000 compromisarios en representación dos 100.000 afiliados que ten o PPdeG, e que nestes días serán elixidos nas distintas cidades e vilas de Galicia.