Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento amosa a súa oposición ante o veto europeo á flota de arrastre de fondo

20 Abr 2016


O PARLAMENTO GALEGO, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, AMOSA A SÚA OPOSICIÓN ANTE O VETO EUROPEO Á FLOTA DE ARRASTRE DE FONDO



·    O acordo pide tamén que a restrición se adapte á natureza e vulnerabilidade dos espazos obxecto de aproveitamento pesqueiro e que se avance no cartografado dos fondos mariños



·    Balseiro criticou que a oposición boicotee a posibilidade dun acordo unánime que reflicte as demandas da flota e censuran sobre todo a posición de AGE, favorable ás teses prohibicionistas e obsesionada en criminalizar a actividade da flota do arrastre



Santiago, 20 de abril de 2016.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar, co único apoio do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que a Cámara galega amosa a súa oposición á pretensión da Unión Europea de vetar a actividade da flota de arrastre en profundidades superiores aos 800 metros.



O acordo incorpora, ademais, que esta prohibición xenérica se substitúa por un modelo que se adapte á realidade e vulnerabilidade dos espazos obxecto de aproveitamento pesqueiro, tendo en conta ademais que sería absurdo prohibir o arrastre nuns caladoiros nos que operan tamén flotas extracomunitarias que si fan uso destas artes e, polo tanto, que provocaría unha situación de agravio comparativo fronte á flota europea.



O acordo parlamentario reitera a necesidade de modificar a normativa comunitaria vixente sobre a xestión de pesquerías de augas profundas, de tal xeito que aposte por unha xestión sustentable nos eidos económico, ambiental e social, que sexa compatible co mantemento da capacidade da flota, da súa actividade económica e dos empregos.



Finalmente, o acordo demanda tamén afianzar, en colaboración con outros estados, os traballos de cartografado dos fondos mariños en todo o Atlántico, identificando aqueles espazos máis vulnerables a partir dos cales se acordaron medidas de protección no seo das Organizacións Rexionais de Pesca



A OPOSICIÓN BOICOTEA UN ACORDO UNÁNIME


O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lamentou a actitude amosada polos grupos da oposición que non apoiaron esta iniciativa, boicoteando toda posibilidade de acordo unánime. Advertiu a socialistas e nacionalistas que “os profesionais non buscan liortas partidistas, senón solucións, e por iso desde o Grupo Popular propoñemos un acordo razoable e responsable que recolle as demandas da flota”.



Balseiro foi especialmente crítico coa posición defendida por Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que se desmarcou co seu voto en contra da iniciativa popular cun discurso de apoio ás teses prohibicionistas e de criminalización da flota de arrastre. Segundo Balseiro, “esta actitude pon de relevo a falsidade dos políticos das Mareas que din defender á flota e despois apuñalan os seus intereses”.



Por outra banda, o portavoz popular non tivo ningún problema á hora de recoñecer que “o Ministerio non estivo á altura por non opoñerse a esta norma en Europa” e indicou que “o Grupo Popular en Galicia non ten ningún problema en forzar un cambio de criterio e rexeitar este posición errada de Madrid”. Con todo, quixo lembrar que son socios dos grupos políticos da oposición (socialistas, nacionalistas e ecoloxistas) os que en Europa impulsan esta norma restritiva.

Síguenos nas redes sociais