Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy:"As cuestións orzamentarias non incidiron na aplicación tratamento da hepatite C"

19 Abr 2016

PUY AFIRMA QUE AS PREGUNTAS AO PRESIDENTE E A COMPARECENCIA DO CONSELLEIRO NO PLENO DEMOSTRAN QUE A XUNTA “NON TEN NADA QUE OCULTAR” SOBRE  O TRATAMENTO DA HEPATITE C



·    Critica que a oposición utilice esta cuestión “para facer unha emenda á totalidade dunha política que primou a atención sanitaria, a educación e o resto do gasto social”



·    O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria o desenvolvemento dun plan estratéxico para a conserva galega e un Plan galego de atención ao ictus



Santiago, 19 de abril de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que as tres preguntas ao Presidente da Xunta e a comparecencia do conselleiro de Sanidade do Pleno da vindeira semana demostran que o Goberno galego “non ten nada que ocultar” sobre a situación dos pacientes sometidos a tratamento para a hepatite C. Puy afirmou que “se hai algo que non incidiu na aplicación deste tratamento aos enfermos son as cuestións orzamentarias” e considerou lamentable que “se intente vincular un escrito coa honorabilidade dunhas persoas e, desde un punto de vista político, que se utilice para facer unha emenda á totalidade dunha política que primou a atención sanitaria e a educación, así como o resto do gasto social”.



A sesión plenaria da vindeira semana inclúe un total de 28 cuestións, das que o 80 por cento son a iniciativa dos grupos da oposición. Dará comezo co debate para a súa aprobación dos proxectos de Lei do patrimonio cultural de Galicia e de economía social de Galicia.



A continuación, terá lugar a comparecencia a petición propia do conselleiro de sanidade para informar sobre a situación dos pacientes a tratamento por hepatite C crónica en Galicia, que se acumula ás solicitudes realizadas por todos os grupos da oposición. Ademais, Puy engadiu que as tres preguntas que a oposición formulará ao Presidente da Xunta tamén versarán sobre o mesmo asunto.



O portavoz popular considerou “interesante” que o Goberno compareza no Parlamento porque “non ten nada que ocultar e é bo que se saiba como funcionou a incorporación deste tratamento contra a hepatite C ao sistema público de saúde de Galicia, que está a funcionar moi ben e se está a estender a todos os pacientes, sobre todo aos que están nunha fase máis evolucionada da enfermidade”.



COLABORAR COA XUSTIZA



Puy salientou que “a Xunta está a colaborar coa Xustiza”, pero criticou “o exercicio de demagoxia” que se está a facer por parte da oposición. Neste sentido, rebateu que o sistema dilatara o subministro desta medicina aos pacientes, xa que, unha  vez solicitado polo médico e aprobado pola subcomisión clínica, “se tramitaba polo método máis rápido que hai na administración: o contrato menor, sen necesidade de ir a un concurso que tarda meses en resolverse”. “O máis rápido para subministrar o tratamento é se na área de xestión sanitaria se pide e se contrata directamente no momento que fai falta”, apuntou.



“A medicación deuse en Galicia para aqueles casos que, de acordo cos protocolos médicos aprobados para toda España, era aconsellable moito antes que se aprobara o Plan contra a hepatite C e, desde que se aprobou este plan, non só foron atendidos os pacientes con maior gravidade, senón os que menos desenvolvida teñen a enfermidade”, explicou Puy. Así, avogou por “continuar cara a supresión total do virus” e reiterou que “non hai restrición orzamentaria cando o sistema prevé o subministro a todos os enfermos”.


Pedro Puy manifestou que “estamos amosando o noso respecto máximo ás persoas afectadas pola enfermidade, sen entrar a debater con eles porque a comprensión con quen padece esta enfermidade é máxima”.



Na súa intervención, o portavoz popular defendeu a existencia no seu momento dunha subcomisión clínica para a aprobación do tratamento “para manter un criterio homoxéneo baseado en factores exclusivamente médicos”.



PROMOCIÓN DA CONSERVA E ATENCIÓN AO ICTUS



Ademais das preguntas ao Presidente e a comparecencia do conselleiro de Sanidade sobre a hepatite C, o Grupo Popular defenderá no Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira solicita á Xunta o desenvolvemento dun plan estratéxico da conserva, que permita consolidar a Galicia na posición de liderado no mercado nacional e internacional, sen perder a implicación social e laboral desta actividade.



A segunda proposición non de lei insta á Xunta a poñer en marcha este ano un Plan galego de atención ao ictus, que ofreza unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade, no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega.



Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a repercusión que terá no sector eólico galego a última sentenza do Tribunal Supremo que confirma que foi correcta a anulación do concurso de 2008, e o balance que para a economía galega teñen as medidas da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020.

Síguenos nas redes sociais