Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy:"Xunta dará explicacións sobre a hepatite C unha vez se coñeza contido denuncia"

18 Abr 2016


PEDRO PUY AVANZA QUE A XUNTA “DARÁ AS EXPLICACIÓNS OPORTUNAS SOBRE A DENUNCIA DA FISCALÍA POLA ATENCIÓN A ENFERMOS CON HEPATITE C UNHA VEZ COÑEZA O SEU CONTIDO


·    Lembrou que a Xunta gastou 77 millóns de euros o pasado ano para cubrir todas as necesidades que os médicos demandaron



·    Criticou que “o uso demagóxico por parte da oposición dun problema de saúde e dunha enfermidade grave é das peores accións que se poden facer en política”



Santiago, 18 de abril de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o Goberno galego dará as explicacións oportunas sobre a denuncia da Fiscalía pola atención realizada a enfermos de hepatite C e salientou que “a Xunta fixo unha gran labor, provendo os medicamentos a todos os enfermos que o precisaban, mesmo antes de que se aplicara o pasado ano o Plan Nacional contra a hepatite C”.



Pedro Puy afirmou que a Xunta “esta a seguir todos os protocolos que garanten a prescrición destes fármacos a enfermos de hepatite C”, polo que manifestou que “non hai motivo de alarma”. Neste sentido, subliñou que desde que se aprobou o pasado ano o protocolo nacional para atención a enfermos de hepatite C, “a Xunta gastou 77 millóns de euros para cubrir todas as necesidades que os médicos demandaron, polo que calquera persoa que teña esta enfermidade está a recibir o tratamento axeitado recomendado polos médicos”.



O portavoz popular avogou por “esperar a coñecer o contido da denuncia da  Fiscalía” e amosouse “seguro de que, do mesmo xeito que a Xunta está a colaborar coa Xustiza facilitando todos os expedientes que lle requiriu, ofrecerá todas as explicacións sobre esta cuestión no Parlamento”.



O CONSELLEIRO XA INFORMOU EN XANEIRO



Puy lembrou que o conselleiro de Sanidade xa informou ao Parlamento galego o pasado 27 de xaneiro sobre este asunto a preguntas da oposición, onde lembrou que “se cumpriron todos os protocolos e se destinaron uns investimentos importantes para a sanación destas persoas”.



“É difícil que alguén compareza sen ter a información que xera esta demanda, xa que nin os presuntos implicados nin o SERGAS teñen coñecemento do contido da actuación xudicial”, manifestou.



Respecto da actitude da oposición, Puy criticou que “o uso demagóxico dun problema de saúde e dunha enfermidade grave é das peores accións que se poden facer en política”. “Ninguén está exento de ter un problema por un fallo no sistema público de saúde, pero dubidar da intencionalidade e dicir que un está actuando a sabendas para provocar a morte de alguén é algo moi grave e non é ético”, apuntou.

Síguenos nas redes sociais