Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Aprobado en Comisión o ditame do proxecto Lei do patrimonio cultural de Galicia

14 Abr 2016


APROBADO EN COMISIÓN O DITAME DO PROXECTO DE LEI DO PATRIMONIO CULTURAL, PASO PREVIO PARA O SEU DEBATE DEFINITIVO EN PLENO



·    Baamonde cualificou de “traballo positivo” o debate en ponencia, que deu como resultado a aceptación de 66 emendas dos grupos da oposición, así como outras 16 transaccionadas


Santiago, 14 de abril de 2016.- A Comisión 4ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei do patrimonio cultural de Galicia, co que o texto lexislativo queda en disposición da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. O portavoz de Cultura, Agustín Baamonde, subliñou que a nova lei “da resposta ás necesidades actuais do patrimonio cultural”, simplificando a normativa existente, mellorando a xestión dos bens culturais e asegurando a súa protección”.



Agustín Baamonde valorou como “traballo positivo” a tramitación deste proxecto de lei na ponencia, que deu como resultado a aceptación de 66 emendas dos grupos da oposición(17 do Grupo Mixto, 12 de AGE, 27 do BNG e 10 do PSOE) e outras 16 transaccionadas.



UNIFICA TRES LEIS



“O novo texto lexislativo simplifica a regulación legal sobre patrimonio cultural que existe na actualidade, xa que unifica as leis de patrimonio cultural de 1995, a de protección dos Camiños de Santiago de 1996 e a de traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991”, explicou Baamonde.



Ademais, apuntou que a nova norma “persegue catro obxectivos: unha mellor colaboración entre as administracións, na busca cunha maior implicación dos concellos na salvagarda do patrimonio cultural; a incorporación de novos patrimonios como o inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico; o establecemento dun réxime sancionador máis axeitado; e a simplificación da xestión administrativa do patrimonio cultural e a garantía da súa protección”.



MELLORA DA XESTIÓN



O portavoz popular tamén fixo referencia á mellora da xestión dos bens cultural que permitirá esta nova lei, procedendo á ordenación dos instrumentos que os regulan e simplificando as categorías de bens en dúas: bens de interese cultural e bens catalogados. “Asegúrase a protección protección integral, estrutural e ambiental dos bens culturais, delimitándose os tipos de intervención”, engadiu.



Baamonde apuntou que a nova Lei do Patrimonio Cultural facilita a regulación dos Camiños de Santiago, incorpora o Camiño de Inverno e abre a posibilidade de declarar BIC unha ruta se o solicitan a maioría dos concellos polos que transcurre.

Síguenos nas redes sociais