Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba estender programa cribado cancro colon a toda Galicia

13 Abr 2016


O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO PPDEG PARA QUE A XUNTA ESTENDA O PROGRAMA DE CRIBADO DO CANCRO DE COLON A TODAS AS ÁREAS SANITARIAS DE GALICIA



·    “A tendencia epidemiolóxica do cancro colorrectal amosa que seguirá a ser un tumor de gran impacto na poboación, cun aumento do número de casos fronte a unha diminución da mortalidade e un aumento da supervivencia a cinco anos”, dixo



·    O programa galego de cribado do cancro colorrectal iniciouse en 2013 en Ferrol e recentemente estendeuse a Ourense



Santiago, 13 de abril de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto favorable do Grupo Popular, a proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a estender de xeito progresivo o programa galego de cribado de cancro colorrectal a todas as estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde. O portavoz popular de Sanidade, Aurelio Núñez Centeno, afirmou que estes programas de cribado “poden contribuír a reducir nunha terceira parte a mortalidade por esta enfermidade”.



Núñez Centeno explicou que o cancro colorrectal é o tumor maligno de maior incidencia en España, con cifras que oscilan entre os 28.500 e os 33.800 casos novos por ano, o que representa entre o 10 e o 15 por cento de todos os tumores. “A tendencia epidemiolóxica do cancro colorrectal ven a amosar que seguirá a ser un tumor de gran impacto na poboación española e galega, cun aumento do número total de casos fronte a unha diminución da mortalidade e a un aumento da supervivencia a cinco anos”, apuntou.



O portavoz de Sanidade lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2013 o programa galego de cribado do cancro de colon na área de xestión integrada de Ferrol. “Desde entón, teñen participado neste programa máis de 25.000 persoas, a porcentaxe máis alta das comunidades autónomas nas que se están a desenvolver este tipo de cribados, entre as que se detectaron 106 carcinomas”, sinalou.



Nos últimos meses, o programa estendeuse á área sanitaria de Ourense, onde se teñen realizado máis de 8.700 test coa presenza de lesións en 214 persoas.



PREVENCIÓN PRIMARIA E SECUNDARIA



Aurelio Núñez salientou “a importancia da prevención primaria, con medidas educativas, informativas e actuacións para modificar hábitos de risco; pero tamén a prevención secundaria, con estratexias de cribado co obxectivo de identificar individuos asintomáticos con lesións precancerosas ou nunha fase inicial da progresión tumoral”.



Así mesmo, Núñez Centeno afirmou que o custo medio do diagnóstico e o tratamento do cancro colerrectal é elevado, superando os 27.000 euros por paciente sen contabilizar nesta cantidade os fármacos biolóxicos usados nos pacientes con enfermidade avanzada.

Síguenos nas redes sociais