Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Aprobada iniciativa GPP sobre programa inserción laboral mulleres maltratadas

13 Abr 2016

Este programa deberá contar cun itinerario de inserción, formación para o emprego e actuacións de apoio á conciliación


O PARLAMENTO DEMANDA Á XUNTA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, ELABORAR UN PROGRAMA DE INSERCIÓN LABORAL PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO


·    A portavoz de Igualdade, Rosa Oubiña, salientou a importancia da “inserción laboral das mulleres que teñen sufrido violencia machista, que lles permita iniciar unha nova vida independente, libre de violencia e lonxe do ámbito do seu agresor”



Santiago, 13 de abril de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta a elaboración dun programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero que conte cun itinerario de inserción, formación para o emprego e actuacións de apoio á conciliación. “Esta medida complementará todas as que se veñen poñendo en marcha desde a aprobación da Lei galega de violencia de xénero en 2007, que permitiron crear un sistema de atención ás vítimas moito máis integral e moito máis completo do que tiñamos”, apuntou a portavoz de Igualdade, Rosa Oubiña.



Na súa intervención, Oubiña salientou a importancia da “inserción laboral das mulleres que teñan sufrido violencia machista, que lles permita iniciar unha nova vida independente, libre de violencia e lonxe do ámbito do agresor”. Neste sentido, lembrou que a Xunta “xa da prioridade ás vítimas en todas as súas convocatorias de axuda tanto para a formación como para a contratación de mulleres desempregadas”, aínda que avogou por “dar un novo impulso ás políticas de inserción laboral destas mulleres vítimas de violencia a través da colaboración co tecido asociativo e pola atención especializada, con itinerarios específicos e adaptados.



En concreto, apuntou que a Xunta de Galicia “conta cunha partida económica por importe de 975.000 euros para os anos 2016 e 2017 que ten como obxectivo seguir incrementando as medidas para as vítimas de violencia co fin de acadar a súa integración laboral”.



A portavoz popular explicou que a proposición non de lei aprobada hoxe polo Pleno solicita a creación dun programa de inserción laboral para as mulleres vítimas de violencia, “subvencionando as  entidades sen  ánimo de lucro que  desenvolven  a  súa  labor  na  axuda,  recuperación e  acompañamento as vítimas”.



“Este programa deberá integrar a creación dun itinerario de inserción laboral, que inclúa un diagnóstico competencial e deseño dun plan personalizado; orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego; unha busca activa de emprego, con acompañamento e seguimento tanto na busca como no posto de traballo; intermediación laboral e contacto con empresas; seguimento da inserción laboral e avaliación do traballo realizado; e todo aquilo que permita incrementar e mellorar a empregabilidade das vítimas de violencia de xénero”, indicou Rosa Oubiña.



Ademais, a iniciativa demanda medidas de formación para o emprego, incluíndo accións formativas para adquirir competencias clave, formación en coaching e formación social; e actuacións de apoio á conciliación, poñendo a disposición das vítimas todos os servizos de atención persoal e familiar que faciliten a participación destas mulleres naquelas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral ou de formación.

Síguenos nas redes sociais