Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

GPP demanda a oposición non romper co consenso da Lei pola igualdade persoas LGTBI

12 Abr 2016


O PPDEG DEMANDA Á OPOSICIÓN QUE NON FAGA UN USO PARTIDISTA ROMPENDO O CONSENSO CO QUE SE APROBOU A LEI POLA IGUALDADE DE TRATO E NON DISCRIMINACIÓN DAS PERSOAS LGTBI



·    A deputada popular subliñou que, desde a aprobación desta lei en 2014, os distintos departamentos da Xunta traballan na súa aplicación, polo que moitas das demandas do PSOE xa se están desenvolvendo”



Santiago, 12 de abril de 2016.- A deputada do  Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo demandou aos grupos da oposición “non facer un uso partidista rompendo o consenso” co que se aprobou a Lei pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI), porque “irá en detrimento deste colectivo”. Neste sentido, reiterou que desde o Partido Popular “consideramos inadmisible a desigualdade de trato ou discriminación de calquera galego ou galega por razón de sexo ou orientación sexual”.



Rodríguez-Vispo lembrou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma que contou cunha Lei específica para as persoas LGTBI, que veu cubrir o baleiro existente neste tema”. “Desde a súa entrada en vigor, os distintos departamentos da Xunta traballan na súa aplicación, polo que moitas das demandas presentes na moción do Grupo Socialista xa se están desenvolvendo”, afirmou.



En concreto, a deputada popular sinalou que o conselleiro de  Educación xa anunciou a posta en marcha dun protocolo de identidade de xénero e se traballa na formación do profesorado e do propio alumnado para divulgar a realidade das persoas LGTBI. No ámbito sanitario, garántese a atención sanitaria segundo a necesidade e o criterio clínico das prácticas e para as terapias relacionadas coa transexualidade, estanse a administrar as terapias hormonais nas unidades de endocrinoloxía e xa está incorporado no plan de formación do SERGAS e da Consellería de Sanidade.



A deputada popular avogou por continuar desenvolvendo a lei pola igualdade de trato e a non discriminación do colectivo LGTBI a través de axudas para asociacións que desenvolven actividades dirixidas a estas persoas; a inclusión no I Plan Galego de educación para a igualdade creando unha sección específica da abordaxe da educación desde a diversidade; e adecuando os documentos administrativos relativos a este colectivo, como no caso da tarxeta sanitaria namentres non se teña procedido á rectificación da súa identidade de xénero no Rexistro Civil.

Síguenos nas redes sociais