Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo: “Hoxe empezamos a deseñar o partido do ano 2020”

11 Abr 2016
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que hoxe se comeza a deseñar o partido do ano 2020. Así se expresaba o dirixente na presentación formal da súa candidatura para optar á presidencia do PPdeG, que tivo lugar esta tarde coa entrega das firmas requiridas ao presidente da Comisión Organizadora do XVI Congreso autonómico, Miguel Tellado. 

O presidente manifestou que quere que a súa candidatura sexa útil ao partido e á Galicia destes tempos xa que, segundo dixo, hai que volver empezar dende o principio para presentar un proxecto útil, cun partido máis aberto, actitudes novas e con humildade.

E é que Feijóo lembrou que a Galicia do ano 2006 e a do 2012 non era a mesma de agora e, en consecuencia, “toca facer unha proposta nova para un proxecto novo”.

Así mesmo, salientou que o feito nos últimos anos foi útil para a nosa comunidade xa que hoxe a economía comeza  a crecer, o paro empeza a diminuír, os servizos públicos son máis potentes e, neste  2016, produciuse unha baixada dos impostos.

“Galicia ten máis futuro que hai sete anos” aseveraba ao tempo que declaraba que, se a nosa comunidade é quen de manter o seu autogoberno,  pode ser unha das mellores autonomías do país. Deste xeito, o mandatario destacou a importancia de conseguir unha maioría suficiente para gobernar e, por iso, pediu aos galegos unha “confianza excepcional” que permita ter un goberno cun proxecto estable para poder executarse.

O presidente subliñou tamén que o resto de partidos só deixan gobernar aos populares cando non teñen máis remedio que aceptar “a incontestable decisión dos electores a través dunha maioría absoluta”, admitindo que ese resultado  sería algo excepcional posto que non se da en ningunha comunidade autónoma. 

Consciente do importante de ter un partido forte, Feijóo tamén anunciou que o traballo de cara ao Congreso autonómico acaba de empezar e que, a partir de agora, manterá encontros con afiliados e simpatizantes nas distintas comarcas galegas, arrincando a súa campaña interna esta mesma tarde en Lugo.

Síguenos nas redes sociais