Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy contrapón capacidade incrementar o gasto social en Galicia fronte a outras CCAA

11 Abr 2016


PUY CONTRAPÓN A CAPACIDADE DE INCREMENTAR O GASTO SOCIAL EN GALICIA FRONTE A OUTRAS COMUNIDADES CON ACORDOS DE NON DISPOSICIÓN DE GASTO E OBRIGADAS A CONTROLAR O DÉFICIT



·    Puxo de manifesto a “fonda contradición” existente nas Mareas e AGE entre a súa demanda de industrialización para Galicia e a oposición a proxectos como o polo industrial de avións non tripulados en Rozas, a ampliación de Citroën, o desenvolvemento da gasificación ou a construción de corbetas para Arabia Saudí



·    O Grupo Popular defenderá no Pleno a extensión do programa de detección precoz do cancro de colon a toda Galicia e a posta en marcha dun programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero



Santiago, 11 de abril de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, contrapuxo hoxe a capacidade de incrementar o gasto social en Galicia fronte a outras comunidades autónomas que deberán facer acordos de non disposición de gasto e nas que os ingresos extra do financiamento autonómico terán que dedicarse ao control do déficit.



Puy referiuse á comparecencia do conselleiro de Facenda mañá no Pleno para informar do peche do exercicio de 2015 e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e salientou que “as últimas novas económicas que estamos recibindo contradín o discurso catastrofista e agoreiro da oposición”.


En concreto, o portavoz popular lembrou “os datos de crecemento da economía galega, que nos sitúan no 3,2 por cento; os razoables datos da evolución do emprego, ao reducir 41.000 desempregados e sumar 32.000 ocupados en 2015; e o cumprimento do obxectivo de déficit, que nos sitúa nunha boa posición de cara ao exercicio de 2016”.



“É un  síntoma da boa saúde e do bo resultado que deu a contención do gasto e tamén evidencia o feito de que Galicia mantén unha autonomía financeira da que outras comunidades autónomas comezan a carecer”, manifestou o portavoz popular. Neste sentido, lembrou que “tanto Europa como o Ministerio de Facenda están urxindo a outras comunidades a facer acordos de non disposición de gasto, fronte a Galicia que vai dispor de máis recursos e poderá gastar máis, fundamentalmente en políticas sociais”.



CONTRADICIÓN DAS MAREAS E AGE



Así mesmo, Pedro Puy salientou que no Pleno de mañá comparecerá o conselleiro de Economía e Industria para informar do desenvolvemento do polo tecnolóxico e industrial galego de avións non tripulados no aeródromo lugués de Rozas.



O portavoz popular criticou que este investimento “estea a ser cuestionado por algún grupo político, nomeadamente polas Mareas ou AGE” e manifestou que “empezamos a pensar que existe unha fonda contradición entre a súa demanda de industrialización de Galicia para superar a crise e a oposición constante a calquera proxecto industrial que se estea a formular, como este polo tecnolóxico de avións non tripulados”.



Puy explicou que “algo semellante ocorreu cando se opuxeron á norma específica para permitir a ampliación da factoría de Citroën en Vigo; vémolo cando falamos do desenvolvemento da gasificación en Galicia; e, finalmente, comprobamos como despois de dicir que non se facía nada polo sector naval e opoñerse á diversificación dos estaleiros públicos coa eólica mariña, agora tamén se opoñen a que se constrúan corbetas para Arabia Saudí”.



Por este motivo, Pedro Puy considerou “moi conveniente a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria sobre o proxecto de avións non tripulados no aeródromo de Rozas, que é bo para o país e para Galicia, ademais da súa influencia no equilibrio territorial entre o interior e o eixo atlántico”.


PROPOSICIÓNS DO GRUPO POPULAR



Pedro Puy informou, ademais, que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria desta semana dúas proposicións non de lei. A primeira delas ten como obxectivo estender a toda  Galicia o programa de detección precoz do cancro de colon, que está a dar bos resultados nas áreas de xestión de Ferrol e Ourense.



En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará á Xunta a posta en marcha dun programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, no que se inclúa tanto un tanto un itinerario de inserción, como formación para o emprego ou actuacións de apoio á conciliación.

Síguenos nas redes sociais