Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Rueda: “Que nin a oposición descarte que revalidemos a maioría é bo punto de partida"

10 Abr 2016
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que o feito de que nin a oposición sexa quen de descartar que o PPdeG revalide a súa maioría absoluta nas vindeiras eleccións autonómicas é un bo punto de partida.

Nunha entrevista concedida esta mañá á Radio Galega, o dirixente admitiu que o obxectivo de acadar outra maioría é difícil, pero lembrou que tamén o era en 2009 e lográrono, tal e como volveu ocorrer no 2012. “O que temos que facer é explicar o que fixemos, recoñecer os fallos que tivemos e dicir o que queremos facer”, engadía.

No tocante aos posibles candidatos para substituílo como secretario xeral, Rueda aseverou que hai que esperar ata o Congreso autonómico do partido para coñecelos. Así, a diferenza doutras formacións, o mandatario apuntou que no PP non hai autodescartes e sinalou que esa decisión non será unha cuestión de apetencias persoais, senón que entre todos escollerán e apoiarán ao elixido.

Por outra banda, o dirixente tamén afirmou que é unha realidade innegable que a corrupción ten feito moito dano á clase política, e recoñeceu que “seguro que nalgúns casos faltou contundencia”. Malia isto, o secretario xeral afirmou que a xente tamén ve que se toman medidas para que non se produzan novos casos e se esixen responsabilidades onde os houbo. Ao mesmo tempo tamén aclaraba que o camiño tampouco é considerar que todo o mundo é culpable ou que a presunción de inocencia é un dereito que non hai que ter en conta.

Así mesmo, apuntou que os cidadáns tamén empezan a comprobar que todas as medidas tomadas durante a crise empezan a ter un sentido, as cousas comezan a mellorar e Galicia está en mellor situación que outras comunidades.

Por estes motivos, Rueda indicou que, agora mesmo, a previsión é que as eleccións se celebren en outubro, aínda que manifestaba que “formamos parte de España e non podemos ser alleos a súa situación política”. Fronte ao que acontece a nivel nacional, o mandatario resaltaba que ter un goberno con maioría absoluta como o de Galicia é moi importante para tomar unha serie de medidas e que “ese é o valor da estabilidade que da resultados”.

RIVAIS POLÍTICOS
“Votar a Ciudadanos pode provocar que fagan presidente a un socialista”, dicía Rueda ao tempo que afirmaba que o único que asegura que goberne o PP é votar directamente polos populares.

Desta maneira se expresaba o secretario xeral ao ser preguntado polos rivais políticos, sinalando que Ciudadanos, pese a levar tempo en Galicia, “non ten estrutura, non se coñecen ás persoas e non ten implantación na nosa comunidade”. Ademais, recordou que a nivel nacional incumpriron unha por unha as súas afirmacións como que non apoiarían a candidatos que non foran o gañador ou que non pactarían co PSOE. 

Nesta liña lembrou que houbo moitos gobernos que o pasado mes de xuño se formaron co único nexo de que non gobernara o PP e, pasados os meses, xa se ve que non funcionan. “Alí non goberna ninguén, peléxanse entre eles, non se falan, só hai desgoberno”, engadía.

Durante a entrevista, Rueda tamén lamentou a actitude incoherente do PSOE, que decide torpedear as fusións de concellos en Galicia a pesar de que a nivel estatal asinaron un pacto con Ciudadanos no que acordaban que había que promocionalas.

Síguenos nas redes sociais