Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG da comezo á organización do XVI Congreso autonómico

06 Abr 2016
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016.- O portavoz do populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que o PPdeG deu comezo á organización do XVI Congreso autonómico co que o partido culminará o proceso de renovación iniciado hai sete meses coa súa ponencia política e que tivo continuidade en marzo coa celebración dos congresos provinciais.

Así, o voceiro compareceu en rolda de prensa trala constitución oficial da Comisión Organizadora do conclave que tivo esta mañá unha xuntanza para comezar a tomar as primeiras decisións que dan inicio ao proceso congresual.

Tellado anunciou que unha das determinacións acordadas é que os candidatos a presidir o partido poderán iniciar a súa campaña electoral no momento en que formalicen a súa candidatura. “Do que se trata é de fomentar a participación, que poidan recorrer Galicia para presentar o seu proxecto e facelo o máis dinámico posible”, dixo o portavoz.

Así mesmo, o voceiro asegurou que xa teñen repasado o cronograma do congreso convocado o pasado sábado pola Xunta directiva do PPdeG e que agora están no prazo aberto -ata o próximo 18 de abril- para que calquera afiliado poida presentar a súa candidatura, sendo preciso acompañala tan só de 90 firmas dos 100.000 afiliados que ten o partido. Ademais, Tellado avanzou que está xa aprobado o modelo para a recollida de sinaturas e que está dispoñible na web do partido. 

O portavoz tamén apuntou que ían participar neste proceso 2.000 compromisarios, dos que 213 son membros natos -membros da Xunta directiva e da Comisión Organizadora do congreso-. No tocante á representación da emigración, o portavoz sinalou que será de 10 compromisarios e que os compromisarios electos serán un total de 1.777 distribuídos polas catro provincias -A Coruña terá 495, Lugo 278, Ourense 466, e Pontevedra 538-.

Tellado anunciou tamén que a vindeira semana reuniranse os equipos redactores dos dous manifestos que se lerán no conclave para comezar a traballar no balance do camiño percorrido en Galicia nos últimos anos e no que presentará un proxecto de futuro do que queda por percorrer.

Dese xeito, para o voceiro popular, “agora trátase de renovar a  estrutura do PPdeG respondendo á demanda da cidadanía que pide partidos dinámicos, renovados e cos pes na rúa”.

Do mesmo modo, Tellado manifestaba que a renovación foi a clave do éxito do partido xa que no 2006, coa marcha de Manuel Fraga, moitos creron que remataba unha etapa e que o partido non volvería a ser o que era. “Afortunadamente soubemos demostrar que, coa renovación, o PPdeG podía seguir sendo o partido referente para a maioría dos galegos. Esa renovación do 2006 permitiunos recuperar a  Xunta tan só tres anos despois e a de 2012 permitiunos seguir sendo o primeiro partido de Galicia”, engadiu.

Tal e como recoñeceu, agora xa non só pretenden seguir sendo a primeira forza da nosa comunidade senón seguir sustentando o Goberno galego “porque cremos que o PPdeG é a garantía da estabilidade política e institucional que supón que Galicia siga na senda do crecemento”, concluiu. 

Síguenos nas redes sociais