Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "Galicia segue baixando o paro e amosa os resultados de ter Goberno estable"

04 Abr 2016
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016.- O portavoz dos populares galegos, Miguel Tellado, asegura que Galicia continúa baixando o paro e amosando así os resultados e beneficios que trae consigo ter un Goberno serio e estable.

Segundo o voceiro, a estabilidade política da nosa comunidade reflíctese tamén nos datos de desemprego e “mes a mes estamos comprobando que continuamos no camiño da recuperación económica”.

Deste xeito puxo Tellado en valor que Galicia pechou o mes de marzo con 20.340 persoas desempregadas menos que hai un ano, o que supón unha baixada con respecto a marzo de 2015 dun 8,07%, a segunda maior baixada de toda a serie histórica, desde 1996. Ademais, en termos intermensuais, a comparativa con febreiro deste ano tamén diminúe nun 1,5%  -3.471 persoas-, encadeando catro anos consecutivos de baixada do paro nun mes de marzo.

Así mesmo, a nosa comunidade segue a presentar un comportamento mellor que o do conxunto do Estado, tanto en termos interanuais como en relación co mes pasado, algo que para Tellado é unha mostra das consecuencias que trae consigo a falta de seguridade que hai nestes momentos con respecto ao futuro do Goberno do país. “Os principais indicadores económicos son claros e, mentres en Galicia descende a taxa de desemprego, España segue a pagar as consecuencias da incertidume na que vive dende hai xa máis de tres meses”, engadiu.

“Queda moito por facer, somos conscientes de que aínda hai moita xente que sofre as consecuencias da crise e continúa sen atopar traballo”, dicía o voceiro sen caer en triunfalismos aínda que mostrando tamén a súa satisfacción porque Galicia continúe coa tendencia positiva que nos achega cada vez máis á consolidación da recuperación económica. Ademais, Tellado non ten dúbidas ao apuntar que estas cifras, sumadas á continuidade de Alberto Núñez Feijóo, son malas novas para a oposición.

O portavoz tamén incidiu en que o Goberno galego sigue e seguirá traballando arreo para que na nosa comunidade haxa cada vez menos persoas sen emprego e deste xeito vén de activar a Axenda 20 para o Emprego para impulsar a estabilidade e calidade laboral en Galicia. E é que para o voceiro, aínda que é certo que as empresas son as responsables directas de baixar o paro, son os gobernos os que teñen a capacidade de crear un clima que permita que se desenvolvan iniciativas para xerar emprego.

“As políticas de emprego da Xunta funcionan e están a dar resultados e, por iso, agora podemos falar de que rexistramos xa 29 meses de descenso consecutivo interanual do paro, baixa o desemprego en todas as provincias, en todos os tramos de idade e en todos os sectores; e  medra a afiliación en termos intranuais e intermensuais”, aseverou Tellado ao tempo que salientaba que “grazas ao esforzo do noso Goberno, os estaleiros galegos suman cada vez máis pedidos, Galicia posicionarase como un referente nacional e internacional na investigación dos avións non tripulados co proxecto industrial do Aeródromo de Rozas e, co continuo apoio ao sector da automoción, PSA Peugeot Citroën poderá seguir levando a cabo os seus proxectos en Vigo”.

Síguenos nas redes sociais