Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo: “Galicia é a miña decisión, a miña prioridade e a miña opción”

03 Abr 2016
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que Galicia é a súa decisión, a súa prioridade e a súa opción e que a nosa comunidade foi o principal factor que inclinou a balanza na súa determinación de presentarse outra vez a liderar o PPdeG. “Galicia será a dona do meu destino e a que decida que vai ser Alberto Núñez Feijóo nos próximos anos”, dicía o dirixente nunha entrevista concedida á Radio Galega esta mañá. 

O mandatario popular subliñou que, ao ser presidente da nosa comunidade, decatouse da importancia de ter un pobo como o noso, que sabe que o resultado do sacrificio sempre é o éxito e viu que o camiño que fixeron os populares nos últimos anos non foi de balde, senón que nos leva agora a ser unha autonomía solvente, respectada en España, que non necesita do diñeiro dos demais para chegar a fin de mes e cuxa economía está crecendo. Así mesmo, Feijóo incidiu en que a súa posición política, dende que se presentou no 2006 a presidente do partido, é Galicia.

Do mesmo xeito, recoñeceu que, pese a que seguir en política non é fácil neste momento, “probablemente agora é cando máis aconsellable sexa para as persoas que temos interese e vocación polo servizo público dar a batalla”. Para o mandatario a opción é “non abandonar un barco que está nunha forte marexada que é a política galega e española” senón seguir trazando un rumbo que está marcado por dúas grandes ideas: ter un proxecto para Galicia e garantir a estabilidade dese proxecto, algo que, tal e como afirmou, si ten o PPdeG.

O presidente apuntou que, desde as eleccións municipais de 2015, cando viron que había unha desconfianza no ambito dos partidos políticos e  que xurdían movementos que naceron ao carón da recesión e da desilusión, entenderon que tiñan que empezar a reaccionar. Así, fixeron unha ponencia no partido, un cambio no Goberno, melloraron as políticas sociais, celebraron os congresos provincias e, “todo isto se desenvolveu conforme ao que pensabamos que era bo para o PPdeG para seguir servindo a Galicia”, dixo Feijóo.

Segundo indicou, foi precisamente tralo último congreso provincial de Pontevedra cando empezou a debuxar a decisión de continuar á fronte do PPdeG, confirmando que está preparado se os seus compañeiros así o queren e que, “a partir de aí o importante é o que Galicia diga, se quere eu estou disposto”, engadiu.

Se ben o presidente recoñece que gañar unhas eleccións por maioría absoluta vai ser moi difícil, “imos intentalo porque creo que Galicia xa está experimentando o que son cidades importantes con gobernos que non aproban os orzamentos, que non adoptan decisións de goberno porque probablemente non saiban cales son as súas prioridades e, ademais, non son capaces de pactalas coa oposición”. Segundo Feijóo, estámolo vendo non só en Galicia senón tamén en España, onde non hai goberno nestes momentos e, por iso, insistiu en que “nós non debemos pasar por aí e cometer os erros que se cometen noutros lugares”. 

TERRA DE CRECEMENTO ECONÓMICO E EMPREGO
Na entrevista, o máximo dirixente do PPdeG, recordou que esta semana coñecíamos datos moi alentadores que amosan que a economía galega crece máis que nunca. Por este motivo, apunta que mereceu a pena todo o que os populares fixeron os últimos anos porque estamos ante un crecemento económico e agora pódese augurar seguir baixando o paro, que é o principal problema de España e da nosa comunidade. 

“Quédannos catro anos para consolidar Galicia como unha terra de crecemento económico e de emprego”, asegurou Feijóo en referencia á que sería unha terceira lexislatura ao fronte da Xunta. Nesta liña, subliñou que, se ben agora hai camiños despexados e tense ordenado o territorio bastante ben dende o punto de vista legal, aínda hai que acabar moitas cousas entre as que salientou seguir traballando polo sectores lácteo e primairo, buscar rendabilidade no ámbito pesqueiro, finalizar as grandes infraestruturas, conseguir que o tren de alta velocidad estea aquí, preparar o Xacobeo do 2021, ou continuar poñendo os camiños de Santiago a disposición dos millóns de turistas que nos visitarán –agarda- aínda con maior intensidade. 



Síguenos nas redes sociais