Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que Galicia terá un parque tecnolóxico e industrial que creará 600 empregos

25 Feb 2016
Santiago, 25 de febreiro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, cun investimento de 115 millóns de euros, Galicia contará cun parque tecnolóxico e industrial á vangarda de Europa que permitirá crear 600 postos de traballo, impulsar novos investimentos e mellorará a competitividade industrial galega.
 
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo asegurou que atraer empresas, dinamizar a economía e xerar emprego seguen a ser os obxectivos do Goberno galego como proba o feito de que, hoxe, se desen a coñecer as multinacionais que foron seleccionadas como socios de referencia para o impulso do parque tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Galicia.
 
O mandatario incidiu en que se trata dun auténtico parque industrial e tecnolóxico que, ubicado estratexicamente no Aeródromo lucense de Rozas, situará Galicia como unha das rexións líderes a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de avións non tripulados de ámbito civil.
 
Para acadar este obxectivo, o parque aeronáutico contará cun investimento público privado de 115 millóns de euros: “40 millóns do Goberno galego, que incrementa así un 60% o investimento inicial previsto; e, 75 millóns de euros procedentes da iniciativa privada que vén de gañar o proceso competitivo aberto, cunha oferta conxunta de Inaer e Indra”, precisou.
 
Este proxecto conxunto inclúe un plan asociado con contratos para 18 empresas, das cales o 70% son galegas; contratos tamén para 14 centros de coñecemento da Comunidade, entre os que están as tres universidades; o compromiso de Indra e Inaer de trasladar a Galicia a actividade de avións non tripulados; e a construción do parque tecnolóxico-industrial en Rozas.
 
Crear emprego estable e de calidade
Neste marco, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que o proceso para a selección das dúas multinacionais abriuse fai meses na procura de atopar un socio ou socios capacitados para “liderar un polo de referencia mundial”, cun notable impacto na mellora de servizos públicos como a prevención de incendios, o salvamento marítimo ou a xestión de emerxencias; que integrase toda a cadea industrial en Galicia, e que facilitase a súa comercialización a nivel mundial, xunto con empresas e centros de investigación galegos. “En definitiva, un proxecto con capacidade para crear emprego de calidade en Galicia contribuíndo á fixación dunha nova industria, incidiu Conde.
 
O conselleiro salientou que ambas multinacionais teñen acreditado “solvencia técnica e experiencia en I+D no ámbito dos sistemas aéreos non tripulados, o que avala a súa capacidade para asumir os retos tecnolóxicos contemplados”. Entre as dúas, apuntou, suman máis de 8.250 millóns de facturación anuais e 48.000 empregados.
 
Deste xeito, explicou Conde, Indra e Inaer trasladarán a súa activade de UAVs a Galicia, comprometéndose tamén, no marco deste proxecto, á implantación de 6 novas empresas na Comunidade, a desenvolver un catálogo de produtos que se fabricarán integramente en Galicia e se comercializarán a nivel mundial, e a impulsar tecnoloxías transversais de alto impacto noutros sectores como o naval ou a automoción.
 
Neste contexto, impulsarase a construción dun parque tecnolóxico-industrial en Rozas (Lugo) que contará coa fábrica de helicópteros non tripulados de Inaer e a fábrica de avións non tripulados de Indra; cun Centro tecnolóxico; cunha oficina de deseño e certificación; con dúas unidades de instrución e formación, unha para pilotos e outra para formación de operadores de sensores; cun Centro de Control de Tráfico Aéreo; cun novo hangar; e cunha incubadora de empresas.
 
3 novos modelos
Desta forma, explicou Conde, establécense as “condicións necesarias para fabricar en Galicia 3 modelos pioneiros cun alto potencial de mercado”: o UAV Lumes FF-101, o UAV de ala fixa Targus, e un Vehículo mariño non tripulado que inclúe un microrobot submarino capacitado para a recollida de mostras.
 
Estes tres UAVs, xunto ao impulso doutros sistemas e aplicacións, solucionarán o 100% dos retos plantexados mellorando os servizos públicos en ámbitos como a prevención e extinción de incendios, a xestión máis eficiente de recursos forestais, agrícolas e gandeiros, o salvamento marítimo, ou a vixilancia costeira.
 
En definitiva, salientou o conselleiro, trátase dunha aposta que aspira a situar a Galicia “á cabeza do sector en España”, facendo de Rozas un parque tecnolóxico e industrial de referencia que sumará máis de 115 millóns de investimento público-privado e permitirá crear 600 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, concluíu, solucionaranse o 100% dos retos tecnolóxicos plantexados, cunha “mellora tanxible na calidade de vida de todos os galegos”.

Síguenos nas redes sociais