Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado:“A estabilidade política de Galicia é o mellor aliado da creación de emprego”

29 Xan 2016
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2016.- O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que a estabilidade política de Galicia é o mellor aliado para a creación de emprego. 
 
Así, o voceiro puxo en valor os datos coñecidos onte da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que indican unha tendencia á baixa no paro da nosa comunidade e un crecemento do emprego históricos.
 
“Non é casual que Galicia, onde o Goberno non está sometido a xestionar en minoría, tivese un mellor comportamento que outras comunidades que teñen un executivo menos estable”, dixo Tellado.
 
E é que as cifras amosan que a taxa de paro en Galicia continúa sendo menor que a rexistrada en España, situándose a máis de 3,2 puntos por debaixo da media do conxunto de Estado.
 
Para Tellado, os datos son unha nova mostra dunha recuperación que se vai consolidando na nosa comunidade e que nos regresa a niveis anteriores á recesión. “A recuperación económica xa é unha realidade incuestionable, acreditada polos datos de crecemento”, engadiu o voceiro popular.
 
“Non é a Xunta a que crea emprego directamente, pero é alí onde se toman as medidas precisas para que as empresas teñan un contexto favorable e de confianza que posibilita a contratación”, aseverou Tellado ao tempo que dicía que “a cidadanía confiou en nós para saír da crise e crear traballo, e nós cumprimos”.
 
Ademais, cabe salientar que, segundo o avance de datos da Contabilidade Nacional Trimestral do INE, a economía española medrou un 3,2% no 2015, a súa maior subida dende o ano 2007.
 
PLAN ESTRATÉXICO 2015-2020
O portavoz do PPdeG tamén fixo referencia á aprobación do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que axudará a consolidar a recuperación económica e a intensificar a creación de emprego a curto e medio prazo. 
 
Segundo sinalou, a nosa comunidade goza nestes momentos dunha estabilidade que o Goberno galego quere seguir blindando, garantindo a planificación ata o ano 2020.
 
O voceiro recordou que o texto, que será agora remitido ao Parlamento, é un instrumento de planificación que aposta por un modelo de crecemento baseado na innovación e no capital humano.
 
O documento conta con dez obxectivos entre os que destacan principalmente consolidar un crecemento económico sostido, con avances anuais do PIB por riba do 2,5%; aumentar en 100.000 o número de empregos ata 2020 e reducir a taxa de paro ata o 10%; diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro un 35% e incrementar o uso das renovables; ou seguir reducindo a poboación en risco de pobreza para que Galicia siga estando mellor que a media.
 

Síguenos nas redes sociais