Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que a cifra de visitantes rexistrados en 2015 en Galicia supera obxectivos

28 Xan 2016
Santiago, 28 de xaneiro de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as cifras de visitantes que se rexistraron o pasado ano en Galicia superan os obxectivos que establecera a Xunta no Plan Integral de Turismo e asegurou que este ano buscarase rebasar o teito dos 5 millóns de turistas.
 
Como detallou Feijóo, o Goberno galego marcárase o reto de recibir 1.250.000 visitantes internacionais en establecementos hoteleiros, superándose esa cifra con máis de 21.000 viaxeiros. Esta cantidade, como sinalou, incrementarase cando se dispoña dos datos dos establecementos extrahoteleiros.
 
Ademais, superouse a porcentaxe de ocupación media hoteleira marcada como obxectivo, xa que se chegou ao 33,8%, e a pasada semana na feira de turismo Fitur o mostrador de Galicia bateu o seu récord histórico de afluencia, ao atender a 74.000 persoas interesadas.
 
Para Feijóo, estes datos son boa proba do éxito das accións que contempla o Plan Integral, que abordan múltiples facetas relacionadas co turismo da Comunidade.
 
As liñas estratéxicas do Plan Integral de Turismo
Como lembrou, estas facetas agrúpanse en seis liñas estratéxicas principais. En primeiro lugar, no relativo ao Camiño de Santiago, o presidente da Xunta subliñou a aprobación do seu Plan Director e do Plan de Actuación do Monte do Gozo; a creación do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino; o decreto que regula a sinalización das Rutas Xacobeas en Galicia; e a posta en marcha de Smart Camiño.
 
Do mesmo xeito, apuntou que 2015 foi o ano no que o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo foron declarados Patrimonio da Humanidade, e tamén o ano da reactivación do Consello Xacobeo.
 
En segundo lugar, no esforzo da Xunta por diversificar a oferta turística de Galicia enmárcase a celebración da Gala Michelin por primeira vez en Galicia; as campañas de difusión das festas de interese turístico; o desenvolvemento de novos produtos coma a Ruta da Lamprea; o impulso da Comunidade como destino de surf coa Pantín Classic; ou a promoción dos nosos Entroidos.
 
Por outra banda, Feijóo lembrou que o Goberno galego tamén está a promover a sustentabilidade social, ambiental e económica dos nosos recursos turísticos. Neste eido, destacou medidas como o Plan de Accesibilidade Turística de Galicia; o desenvolvemento de destinos accesibles en territorios como as Rías Baixas ou Arousa Norte; a aprobación da Carta Europea de Turismo Sostible nos espazos naturais protexidos das Illas Atlánticas, o Xurés e as Fragas do Eume; ou a creación de destinos Starlight.
 
Así mesmo, recordou que o pasado ano implantouse con éxito o Plan de protección da Praia das Catedrais, que garante a conservación desta parte tan importante do noso patrimonio natural.
 
En cuarto lugar, o mandatario destacou avances no tocante á mellora da formación e ao aproveitamento das novas tecnoloxías e, neste eido, salientou o programa que leva a cabo a Escola de Turismo Itinerante, o convenio para apoiar a Cátedra de Hidroloxía Médica ou a creación da plataforma Smart Turismo. Así mesmo, lembrou que, un ano máis, o Centro Superior de Hostalería de Galicia segue consolidándose como unha das principais escolas do sector a nivel mundial.
 
En quinto lugar, Feijóo fixo fincapé na mellora da promoción e comercialización de Galicia como destino único. Así, participouse en 31 feiras sectoriais e celebráronse congresos de ámbito internacional ou europeo como o Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
 
Por último, o presidente puxo en valor que á hora de promover Galicia como destino turístico, todos os axentes están implicados e remando na mesma dirección. Así, a Xunta colabora coas Deputacións, cos concellos, coa Universidade e coa Administración Xeral do Estado, e co sector, escoitando as súas demandas. Así, impulsouse unha normativa encamiñada a consolidar o avance do sector, como os decretos das Festas e Municipios de Interese Turístico; a regulación da profesión de guía de turismo de Galicia; e o establecemento de requisitos para as vivendas de uso turístico.
 
Segundo o lñider dos populares, estas medidas favorecen un sector turístico ordenado, preparado para os retos que se lle formularán ao longo do 2016 e coa vista posta no Ano Santo de 2021.
 
Para Feijóo, os récords que se bateron no 2015 impulsan á Xunta a seguir marcando obxectivos para o ano que agora empeza, despois de encabezar en 2015 o crecemento turístico a nivel nacional.

Síguenos nas redes sociais