Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy afirma que o PPdeG está en condicións de recuperar a confianza dos galegos

10 Xan 2016


PEDRO PUY AFIRMA QUE O PPDEG ESTÁ “EN CONDICIÓNS DE RECUPERAR A CONFIANZA DOS GALEGOS E PROSEGUIR CO PROCESO DE REFORMAS E MODERNIZACIÓN DE GALICIA



Respecto da situación catalá, lembrou que “a nosa práctica política foi de defensa e posta ao día das institucións de autogoberno e da autonomía financeira, que permitiu evitar que Galicia estivese, como está Cataluña, intervida polo Estado”



“Nos estamos recuperando, aínda que non acadamos os niveis de renda ou benestar semellantes aos existentes antes da crise”, dixo



Santiago, 10 de xaneiro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que, de cara ás vindeiras eleccións autonómicas, o Partido Popular de Galicia está “en condicións de recuperar confianza e de proseguir adiante cun proceso de reformas e de modernización e adaptación ao novo escenario europeo e español, moito máis competitivo e onde hai que ser máis eficientes para conseguir traballo, que é o que realmente importa”. Respecto da situación en Cataluña, Puy reiterou que “a nosa práctica política foi de defensa e posta ao día das institucións de autogoberno e da autonomía financeira a través dunha xestión que permitiu evitar que Galicia estivese, como está Cataluña neste momento, intervida polo Estado”.



Nunha entrevista na Cadena SER, Pedro Puy lembrou que as maiorías absolutas en Galicia “sempre foron moi difíciles de acadar por baixo do umbral do 44 ou 45 por cento dos votos”, pero subliñou que “as maiorías estables, como a que está a ter o PP, permiten afrontar reformas, moitas delas consensuadas, e dar ás accións políticas unha estabilidade e proxección cara o futuro que as fan máis efectivas”.



“Ese é un valor que o Presidente Feijóo quere espremer ata o final da lexislatura e confiamos que as persoas que noutras ocasións votaron ao PP entendan que sigue a ser importante que haxa unha maioría suficiente para conseguir un goberno estable e dar continuidade ao proxecto do Partido Popular”, engadiu.



FEIJÓO, UN DOS MELLORES ACTIVOS



Respecto do candidato do PPdeG nas vindeiras eleccións autonómicas, o portavoz popular dixo que “somos conscientes de que a Presidencia e a candidatura de Núñez Feijóo é un dos mellores activos que ten o Partido Popular”. Aínda que lembrou que o candidato sairá dun congreso aberto, “porque o noso partido é democrático e temos requisitos moi pouco custosos para que se presenten candidaturas”, Puy manifestou que “o que percibo no partido e no grupo parlamentario é unha clara tendencia de apoio a Alberto Núñez Feijóo”.



Cuestionado sobre a nova Presidencia do Parlamento galego, Pedro Puy recordou que a substitución de Pilar Rojo farase na sesión plenaria prevista para finais do mes de xaneiro. “O único requisito que lle pediría a un Presidente da Cámara é que coñeza o Parlamento, porque aí a experiencia é un grao”.



REFORZAR O COMPROMISO DAS AUTONOMÍAS



Sobre a situación política que se vive en Cataluña, Puy avogou por “reforzar o compromiso orixinario do Estado das autonomías fronte a tensións independentistas e fronte a tensións recentralizadoras, que tamén as hai con forza neste momento, porque Cidadáns é o que presenta”. “A nosa práctica política foi de defensa e posta ao día das institucións de autogoberno e de defensa da autonomía financeira a través dunha xestión que permitiu evitar que Galicia estivese, como o está Cataluña neste momento, intervida polo Estado e que cada vez que houbese que facer unha operación financeira o Estado a condicionase e o propio financiamento da comunidade autónoma dependese de decisións do Estado”, explicou.



Deste xeito, sinalou que nas negociacións para formar goberno do Estado “os partidos que están en contra do exercicio unilateral e á marxe da lei do dereito de autodeterminación deberían de reaccionar para facer fronte á importancia dese reto”. Así, apuntou que tanto PSOE, como Cidadáns e o PP “están moi de acordo en tomar decisión fronte a quen unilateralmente se quere saltar a lei”, polo que “o lóxico sería que se puxeran de acordo os grupos que teñen capacidade de formar un goberno estable ou apoiar desde fora un goberno estable que marcase unha ruta de acción nestas cuestións”.


EN RECUPERACIÓN



Respecto dos resultados das últimas eleccións xerais, Pedro Puy considerou “razoable” que “o partido que ten que asumir a responsabilidade de axustar as contas para que saiamos desta crise, a peor que tivemos desde antes da Guerra Civil, teña un custo electoral”. Neste sentido, indicou que a crise “deixou unha sociedade que, en liñas xerais, se empobreceu en relación á situación previa, onde vivíamos enriba dunha burbulla inmobiliaria”, aínda que sinalou que “nos estamos recuperando aínda que non acadamos o nivel de renda ou benestar semellantes aos existentes antes da crise”.



Ademais, recoñeceu que “tivemos moitos problemas relacionados coa corrupción dalgúns compañeiros de partido, do mesmo xeito que houbo problemas semellantes noutros partidos porque desgraciadamente a ideoloxía non condiciona a honradez ou a ética das persoas”.



“Esta insatisfacción tradúcese non só co partido que tivo responsabilidade de Goberno, senón  tamén co partido que os cidadáns ven como o responsable cando estoupou a burbulla e non actuou para anticiparse aos problemas que tivemos”, apuntou. Por este motivo, considerou “explicable” que “eses dous partidos sufriran máis castigo e que a cidadanía busque solucións e voten a opcións de tipo populista”. 

Síguenos nas redes sociais