Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "Galicia comeza 2016 con menos impostos fronte aos que o fan sen orzamentos"

07 Xan 2016
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2016.- O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou hoxe que Galicia comeza  2016 con menos impostos e mellores indicadores económicos que hai un ano, consolidando a recuperación económica e a creación de emprego, e garantíndose unha estabilidade política e institucional que considera básica para a nosa comunidade.

Así mesmo, o voceiro sinalou que a estabilidade que ten hoxe Galicia nos permite arrancar o ano cuns orzamentos en vigor que xeran certeza e confianza. Ao mesmo tempo, puxo en valor a nosa boa situación recordando que hai sete comunidades autónomas que aínda non teñen os orzamentos para 2016 aprobados e poñendo como exemplo Cataluña que, se ben antes era un referente estatal, hoxe non ten orzamentos, nin goberno, nin presidente, “cun futuro que depende do que decidan grupos minoritarios e extremistas nunha asemblea celebrada nun polideportivo”.

“Nós queremos para Galicia unha realidade baseada na estabilidade e na confianza”, indicaba Tellado mentres explicaba tamén que os orzamentos supoñen 282 millóns de euros máis que no 2015 dedicados ao gasto social. Deste xeito permitirase incrementar o gasto da renda de integración social e poñer en marcha un plan contra a desigualdade social dotado con 20 millóns de euros, ademais de aumentar o gasto sanitario e educativo.

O portavoz do PPdeG tamén dixo que se inicia un novo curso político coa entrada en vigor da maior baixada de impostos da historia da Xunta Galicia e que se materializan na redución do tramo autonómico do IRPF, pasando de cinco a sete tramos que aumentarán a progresividade; coa supresión para o 99% dos casos do Imposto de sucesións e doazóns; e coa posta en marcha dun programa de impostos cero no rural para operacións que afectan a solo rústico.

“A rebaixa de impostos suporá un aforro fiscal de 140 millóns de euros para as familias galegas e as empresas do noso país e permitirá recuperar o consumo, a demanda interna e a reactivación económica”, engadiu Tellado.

Na súa comparecencia en rolda de prensa, o voceiro quixo lembrar que vimos de pechar o ano 2015 cunha redución significativa do desemprego, con 23.000 desempregados menos que en decembro de 2014. Segundo as súas palabras, esta tendencia cara o crecemento “demostra que hoxe corresponde seguir traballando na dirección marcada para que Galicia avance na senda da recuperación económica”.

Nesa liña, asegurou que as obrigas fundamentais dun goberno son crear as condicións necesarias para o crecemento da economía e do emprego, ademais de garantir o normal  desenvolvemento dos servizos públicos e a estabilidade política que ten que permitir o bo funcionamento das institucións democráticas. “Esas tres cousas suceden en Galicia e é un dato positivo para a nosa comunidade”, sentenciou Tellado.

Síguenos nas redes sociais