Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado celebra que Galicia remate 2015 con 23.110 desempregados menos que hai un ano

05 Xan 2016
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2016.- O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor os datos do paro do pasado mes de decembro coñecidos esta mañá e que indican que Galicia rematou o 2015 con 23.110 desempregados menos que hai un ano.

O voceiro dos populares galegos salientou que estas cifras confirman unha progresiva mellora do mercado laboral xa que a nosa comunidade volve posicionarse a niveis de paro inferiores aos rexistrados en 2010, hai xa cinco anos.

O portavoz sinalou que a redución interanual no número de desempregados supón unha baixada do 9,17%, descendendo 1,2 puntos máis que no conxunto de España, onde a baixada non supera o 7,9%. 

Tellado asegurou que en Galicia mantense a estabilidade política que falta noutras comunidades autónomas. Ao mesmo tempo, incidiu en que aínda que é certo que o paro o baixan as empresas, son os gobernos os responsables de crear un clima que permita que se desenvolvan iniciativas para xerar emprego como fai o Goberno da Xunta “que ten claro o que verdadeiramente importa”. 

Así, esta é a vixésimo sexta baixada interanual consecutiva, é dicir, levamos máis de dous anos de descensos seguidos do paro rexistrado, sendo tamén esta a redución interanual maior de toda a serie histórica en termos absolutos.

Tellado apuntou que os bos datos do paro colócanos nunha boa posición para encarar o novo curso que se inicia coa entrada de ano, facendo fincapé en que “por fortuna xa non é noticia que o desemprego baixe senón que é parte do ámbito cotidiano”. 

“Os populares seguiremos traballando porque sabemos que aínda queda moito por facer para seguir creando emprego en Galicia, por iso esforzarémonos para que a nosa comunidade continúe pola senda da recuperación que comezou co PPdeG á fronte do Goberno autonómico”, afirmou Tellado. 

Nesa liña, non quixo esquecer que no pasado decembro rexistrouse un aumento do 1,62% no número de persoas demandantes de emprego con respecto ao mes de novembro. “Se ben é certo que decembro adoita ser un mes no que se veñen producindo incrementos do paro de xeito habitual, isto só nos anima a aplicarnos aínda máis para conseguir que a recuperación chegue a todos os cidadáns a través dun dos indicadores máis importantes como é o emprego”, sinalou o voceiro dos populares.

Ademais, Tellado engadiu que continuarán o seu traballo cos mesmos folgos e con máis forza, se cabe, para que as subas do paro sexan unha excepción e se confirme a tendencia á redución do desemprego non só a nivel interanual senón tamén cada mes.

Síguenos nas redes sociais