Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG nomea a Pedro Puy coordinador do Programa Electoral para as Eleccións Autonómicas do 5 de abril

12 Feb 2020

12, febreiro, 2020. O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou que Pedro Puy será a persoa encargada de coordinar o equipo redactor do Programa Electoral para as vindeiras Eleccións Autonómicas. Como asegurou, tratarase un documento que “non se redactará contra ninguén, senón que se redactará por Galicia; que non divida, senón que sexa un punto de encontro para todos os que queren que a esta Comunidade lle vaia ben; e que non exclúa a ninguén, senón que inclúa os intereses da maioría dos galegos”.

 

Como subliñou, o reto é maiúsculo: “Conseguir unha cuarta maioría absoluta é un gran desafío nos tempos que corren na política actual”. Para logralo, o secretario xeral recoñeceu que os populares deberán traballar todos arreo e dar o mellor de si mesmos, ademais de contar cos mellores nos lugares clave e con quen demostrou ter feito un traballo brillante nas anteriores convocatorias electorais.

 

Por este motivo, igual que en 2009, 2012 e 2016, salientou que o Partido Popular de Galicia encárgalle ao seu portavoz parlamentario esta tarefa, “convencidos de que o resultado será igual de satisfactorio e positivo que nas anteriores ocasións”.

 

Pola súa banda, Pedro Puy amosouse moi agradecido co encargo e recordou que no 2009 centraron o programa en vencer a crise económica que se vivía nesa época, que en 2012 se basearon en recuperar e en estabilizar os servizos públicos, e en 2016 en consolidar o Estado de Benestar. Unha vez avanzados estes obxectivos, afirmou que a formulación do novo documento ten que pensar na Galicia do próximos anos, a do futuro.

 

Tendo en conta os cambios resultantes da situación dos mercados internacionais, das novas formas de traballar e da cualificación que precisan os postos ofertados, da globalización, dos grandes desafíos como o Brexit ou da inestabilidade política, Puy destacou que redactarán un programa reformista, que respecte a concepción que os populares teñen de sociedade -aberta, solidaria, con servizos públicos de calidade, que axude aos novos e que dea novas oportunidades-. Por iso, o PPdeG formulará un documento ambicioso pensando na nova situación económica, social e política e que se adapte aos cambios inevitables da sociedade.

 

Así, buscarán que a Galicia do futuro incorpore a innovación para garantir empregos de calidade e continuar mellorando a atención dos servizos públicos; centraranse no ámbito familiar para dar o apoio a todas as familias que o precisen; buscarán dar novas oportunidades para xente moza -que veñen da man da educación- e traballarán para conseguir unha Comunidade verde que permita respectar a sustentabilidade da natureza e a economía da xente que vive no rural. Todo isto -como dixo- acompañado de medidas a curto prazo e de temas relacionados co financiamento autonómico, que tantos problemas está ocasionando nos últimos meses.

 

Xa no tocante ao equipo, lembrou que o partido leva tempo activado e que xa teñen o encargo de, na liña dos obxectivos que se queren acadar, comezar a  redactar ideas coa vista posta na Galicia da próxima década pero incluíndo tamén solucións a curto prazo.

 

Segundo confirmou, ademais de contar cas achegas dos deputados do PPdeG, o programa incorporará a experiencia do Goberno, “unha vantaxe comparativa” xa que poderán incluír medidas realistas e realizables moi lonxe das propostas  no aire e sen instrumentos do resto de formacións.

 

Ademais de poñerse en contacto coa sociedade civil para que lles achegue de primeira man os problemas que lle afectan, confirmou que tamén pedirán consello a expertos para poder ser veraces desde o punto de vista técnico.

Síguenos nas redes sociais