Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo reafirma que as portas da gran maioría unida de Galicia están abertas a todos os que prefiren moderación e entendemento

08 Feb 2020

8, febreiro, 2020. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou que as portas da gran maioría unida de Galicia están abertas a todos os que prefiren moderación, entendemento; veñan de onde veñan.

Así, durante o acto de entrega de carnés a novos afiliados, salientou que o PPdeG é un punto de encontro diario de miles de galegos, que dá forma política ao sentir e ao facer desa gran maioría, porque resalta o que os une, incrementa o seu benestar e traballa para o progreso de Galicia e España. “No PPdeG unímonos máis cidadáns que en ningún outro partido”, porque, tal e como sinalou, esta gran maioría “é grande porque é aberta”.

 

Fronte aos que cren que a política é un cruce de declaracións entre responsables de distintas formacións ou ocupar un escano e falar desde un atril, Feijóo puxo en valor a política que subliña e dá valor ao que fai todo un pobo xunto. “Este partido e garantía de poñer en valor o que Galicia fai e de que non quede fóra do marco ideolóxico do que a maioría de galegos pensan e defenden”, incidiu.

 

MILITANTES E SERVIDORES DE GALICIA
Neste punto, o líder do PPdeG fixo fincapé en que os novos afiliados, a pesar de que son xente moi diferente, teñen un mesmo nexo en común: Galicia. E indicou que o carné que reciben, ademais de que dá o dereito a que este partido non decepcione; outorga obrigas, a de comportarse á altura que se merece a nosa Comunidade, a de buscar o entendemento entre os galegos e a de servir a Galicia. “Con carné ou sen carné, aquí todos somos militantes e servidores de Galicia”, indicou.

 

Para Feijóo, Galicia é moito máis que a visión parcial dun político, dun partido ou dunha ideoloxía. De aí que incidira en que o PPdeG, ademais de non repartir carnés nin de demócratas, nin de bos ou malos galegos nin de patriotas, tampouco os esixe para sumarse ao seu proxecto; porque a maioría do Partido Popular é “aberta e diversa”, na que conflúen galegos moi diferentes: “A todo aquel que cree no entendemento, na moderación, na estabilidade e na Galicia que formamos todos, non se lle pide ningún carné nin se lle pregunta de onde vén, senón a onde podemos ir xuntos”.

 

Propuxo máis normalidade, entendemento, estabilidade e, tamén, unidade na política. E salientou que esta fórmula “aberta, moderada e estable” xa existe e funciona en Galicia: é o PPdeG; un partido que avoga por unir a máis cidadáns. E é que, segundo afirmou, superando os oportunismos e os intereses partidistas e centrando todos os esforzos en facer que a gran maioría de galegos se sinta mellor representada, se acadará o entendemento.

 

DESDE GALICIA, MÁIS GALICIA E MÁIS ESPAÑA
Para Feijóo, o PPdeG fai máis Galicia e máis España, porque non actúa como mascota de ninguén, como fai o PSdeG; non é un partido fotocopia coma o BNG, que imita ao nacionalismo e ao independentismo vasco e catalán; nin é un partido persoa, coma o populismo. E tampouco, dixo, nin é un partido de pensamento único nin unha sucursal de ninguén.

 

Por iso, remarcou que no PPdeG caben todos os que prefiren o entendemento ao enfrontamento, a moderación ás posicións extremas, a coherencia ao incumprimento e a estabilidade ao egoísmo: “Cabemos os que non queremos elixir entre Galicia ou España e os que queremos o benestar dos galegos e o progreso do país”.

 

E é que, tal e como indicou, o PPdeG débese a todos os galegos, tamén aos que non o votaron. Así, sostivo que “é o partido que os galegos esperan”, polo que todo representante ten que facer o que ten e debe facer sen limitacións.

Síguenos nas redes sociais