Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular afirma que a lei galega de atención a pacientes terminais xa evita o sufrimento e garante unha morte digna

28 Xan 2020

Santiago, 28 de xaneiro de 2020.- O Grupo Popular rexeitou hoxe no Pleno do Parlamento unha proposición de lei do Grupo Mixto para a despenalización da eutanasia e axuda ao suicidio porque “non creemos que encaixe coa forma de entender a vida e a morte que ten a sociedade galega; porque a lexislación galega en materia de atención a pacientes terminais xa está a evitar o sufrimento e a garantir unha morte digna en Galicia; e porque, tal e como está formulada esta proposta, sen ningún tipo de control ou limitación, é un paso en falso cara un abismo”, sinalou a deputada Julia Rodríguez Barreira. “Non sería responsable abrir nestas condicións unha porta que non poderemos pechar e que nos levará por un camiño moi pendente, moi esvaradío e sen retorno”, apuntou.

 

Julia Rodríguez cualificou de “magnífica” a Lei galega de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, “que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, coa conformidade dos profesionais sanitarios e que ten sido tomada como referente por outras comunidades autónomas”.

 

RESPOSTA HUMANA E EFICAZ

 

“Unha lei que está sendo aplicada de forma eficaz e servindo para protexer e respectar a dignidade, os dereitos e os desexos dos pacientes terminais, garantindo que reciban coidados paliativos e o tratamento axeitado, físico e emocional no proceso final da súa vida”, sinalou.

 

A deputada popular subliñou que “o Parlamento de Galicia deu unha resposta humana e eficaz aos pacientes máis vulnerables, os que teñen menos oportunidades, menos esperanzas, os enfermos terminais, unha solución que recollía o sentir maioritario dos galegos: o desexo de evitar a dor e o sufrimento no momento final da nosa vida ou da dun ser querido”.

 

Ademais, engadiu que “os médicos nos recordan que a asistencia que recolle a lei galega de enfermos terminais non xera problemas, porque a súa actuación se enmarca na boa praxis médica, e por iso non cabe obxección de conciencia, mentres que a eutanasia choca de fronte co seu deber hipocrático de conservar a vida e proscribe calquera acción conducente a acabar con ela”.

 

SALTO AO BALEIRO SEN REDE

 

Rodríguez Barreira sinalou que “pretender despenalizar a eutanasia sen considerar a necesidade de regular sobre esas condutas que axudarían a morrer a outra persoa é como un salto ao baleiro sen rede”. “A mera despenalización que formula o Grupo Mixto deixaría absolutamente desprotexidas ás persoas máis vulnerables da sociedade: os enfermos terminais, os discapacitados ou os maiores, e provocaría moitos máis problemas dos que pretende resolver”, manifestou.

 

“Non estamos ante un debate ideolóxico, senón ante un debate sobre o tipo de sociedade que queremos para o futuro”, dixo a deputada popular, quen engadiu que “debemos ter presente que a nosa función é lexislar e ser conscientes dos efectos que os textos que aprobamos teñen sobre a vida das persoas”.

Síguenos nas redes sociais