Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy amosa a disposición da Xunta o e do PPdeG de colaborar coa Administración do Estado, pero “pedindo o que nos corresponde”

27 Xan 2020

Santiago, 27 de xaneiro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que “a Xunta e o PPdeG estamos abertos a cooperar e colaborar coa Administración Xeral do Estado en todo aquilo que sexa bo para Galicia, pero que non nos digan que estamos confrontando cando o único que facemos é pedir o que nos corresponde, o mesmo que están a facer outras comunidades autónomas que ven como o Goberno socialista lles nega o que lles corresponde”.

 

Pedro Puy demandou que “non nos boten a culpa de confrontar a quen estamos padecendo os incumprimentos do Estado por parte do goberno socialista”, xa que “parece que os temas de Galicia non lles preocupan demasiado, como as 700 familias afectadas polo peche da central térmica das Pontes, as 5.000 familias afectadas pola inacción cara as industrias electrointensivas ou a prestación dos servizos sociais en Galicia ao non axilizar o pago do que se lle debe a Galicia”.

 

“O señor Gonzalo Caballero debería aprender dalgún dos líderes autonómicos do seu Partido Socialista con responsabilidades de goberno e que saben distinguir o que é o apoio e colaboración cun goberno do partido no que un milita coa defensa dos intereses da autonomía que representa”, sinalou.

 

INCLUÍDOS NO ACTUAL SISTEMA DE FINANCIAMENTO

 

Neste sentido, apuntou que “o pago dos 370 millóns que se deben a Galicia están incluídos no vixente sistema de financiamento autonómico”, e concretou que “o Goberno socialista tiña a obriga de liquidar en 2019 os 200 millóns de IVE do 2017, así como convocar unha reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira para aprobar o abono dos 170 millóns a Galicia por ser unha comunidade cumpridora”. “Cada día que pasa, o goberno incumpre coas súas obrigas de pagar”, lamentou.

 

Ademais, Pedro Puy considerou “chamativo” que o BNG pida agora que o Goberno galego presente un recurso xudicial para que o Goberno central pague os 200 millóns que lle debe do IVE de 2017. “Unha forza política que acaba de apoiar ao Goberno que está a incumprir o pago do IVE nos solicita que presentemos un pleito ao Goberno que acaban de elixir e votar”, indicou.

 

Respecto da sesión plenaria que se celebra esta semana, Pedro Puy salientou a comparecencia do Vicepresidente da Xunta para explicar o contido da Axenda Galicia, aprobada polo Goberno galego no mes de outubro antes da celebración das últimas eleccións xerais. Neste sentido, salientou que, ademais de solicitar o pago da débeda de 370 millóns de euros do Goberno de España con Galicia, “hai máis cuestións, como as dúbidas respecto da finalización das obras do AVE a Galicia ou a transferencia da AP-9 e da AP-53”. “O Grupo Popular apoiará o cumprimento da Axenda Galicia, que está avaliada polo Parlamento de Galicia na maior parte das cuestións por un voto favorable moi maioritario”, indicou.

 

Relacionado coa Axenda Galicia, o Grupo Popular defenderá neste Pleno unha proposición non de lei a través da que se esixe que o Goberno de España convoque con urxencia a Mesa de As Pontes para establecer unha folla de ruta que garanta un futuro para as 750 familias que dependen da actividade da Central Térmica de As Pontes, non aceptando a tramitación do expediente de peche presentado pola empresa ata que conclúan as probas de distintas mesturas de combustibles e existan alternativas viables para o mantemento do emprego.

 

NOVA DEPUTADA

 

Así mesmo, Puy informou que ao comezo da sesión plenaria fará a promesa ou xuramento a nova deputada do Grupo Popular, Ana Belén García Vidal, que substitúe a Beatriz Mato.

 

Por último, Pedro Puy manifestou que o Grupo Popular únese á condena polo último caso de violencia machista que tivo lugar esta fin de semana no concello lucense da Pastoriza, trasladando “o noso pesar e apoio á familia e ás persoas que sufriron este tráxico acontecemento”.

Síguenos nas redes sociais